José Freire
Difícil equilibrio
O pasado xoves, co único apoio dos deputados do Partido Popular, aprobouse a Lei de Seguridade Cidadá, e á que algúns denominaron Lei Mordaza. ÿ unha Lei que non contenta a todo o mundo e que, no traballo diario dos que formamos parte dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado nos vai crear máis dun problema. Acentúase o seu aspecto represor.
Son dos que creo que o papel da Policía estaba plenamente definido no noso ordenamento xurídico, especialmente na nosa Carta Magna e na Lei Orgánica de Corpos e Forzas de Seguridade do Estado. Pero está visto que cada opción política que ten a capacidade de gobernar no noso país, quere darlle o seu "toque" á seguridade dos cidadáns.
Tradicionalmente confióuselle á Policía a seguridade pública como compoñente do sistema de xustiza penal. Nembargante, o papel que esta desempeñou foi máis preponderantemente represivo que preventivo. Pero os cambios experimentados nas ordes filosóficas sobre a concepción da vida, os dereitos do home, o benestar social e a instauración da democracia no noso país, fixeron que o rol da policía bascule entre a expresión da autoridade e a función social, entre a acción coercitiva e a acción preventiva de protección e asistencia, que como ben sinala o preámbulo da Lei de Forzas e Corpos de Seguridade: "os funcionarios de Policía materializan o eixe dun difícil equilibrio, de pesos e contrapesos, de facultades e obrigas, xa que deben protexer a vida e a integridade das persoas, pero veñen obrigados a usar armas; deben de tratar correcta e esmeradamente aos membros da comunidade, pero han de actuar con enerxía e decisión cando as circunstancias o requiran".
Este cambio de pensamento e estrutura da Policía debe conducir aos dirixentes, máis que a ditar novas leis, a aumentar os medios humanos e técnicos dedicados á prevención, así como a introducir, entre os indicadores de xestión, criterios que consoliden a idea de que a eficacia da Policía debe medirse fundamentalmente pola ausencia de delitos máis que polas accións policiais que reprimen eses delitos.
ÿ incuestionable que o papel xudicial da Policía é unha misión fundamental desta e se basea no sistema penal e nunha represión eficiente.
Por outra banda, resulta obvio que a tendencia máis sinxela e á vez gratificante é a de converter os funcionarios policiais en axentes de asistencia social, co que isto comporta de gratificación persoal e mellora da imaxe. Encadrar a Policía nun único rol de asistencia sería un engano.
Resulta pois necesario definir o concepto de seguridade cidadá como aquela situación social que debe garantir o libre e pleno exercicio, por parte dos cidadáns, de todos e cada un dos dereitos e liberdades que ostentan, tanto individual como colectivamente, dentro do marco do noso ordenamento constitucional.
E o demais sobra.