Ramiro Espiño
E isto como o arranxamos?
Nadal, tempo de alegría, tempo no que ser bo é case unha obriga. Pero, ser bo porque "toca" é a mellor opción?. ÿ menos bo quen expresa claramente a súa opinión aínda que a algúns non lles guste?.
Estas preguntas e algunhas máis pasaron pola miña mente á hora de sentarme a escribir esta columna. A resposta terana vostedes nas seguintes liñas, pero a xeito de anticipo adiántolles a miña conclusión: non é máis bo quen só aplaude, quen afaga, ou simplemente quen prefire non exercer a crítica para evitarse problemas ou situacións incómodas.
Certo é que o Nadal me levou a atrasar un par de días esta columna semanal, non fose a ser que o turrón se lle indixestase a algún. Pero pasado o día creo que é momento de facer polo menos unha breve reflexión sobre onde estamos e onde nos teñen llevado...o aínda máis, onde pretenden levarnos, e me refiro á situación do Pontevedra C.F.
Vaia por diante, e aclároo para algúns que parecen non se decatar, que sei perfectamente que estamos en terceira división, que as limitacións son moitas, pola crise, pola débeda e por todo o que queiran, pero esas limitacións tamén afectan ás ideas, ao saber facer e, moi especialmente, ao saber estar, aos modais?.
Da situación deportiva pouco hai que engadir. Números e feitos cantan por si sólos. Novena posición na táboa, á mesma distancia do play off que do descenso a Rexional Preferente. Competimos ante rivais que con toda dignidade militan na categoría, pero sen máis aspiracións. Eles si que non poden fixarse metas máis altas con pouco máis de 100 espectadores nas bancadas. De verdade o noso obxectivo só pode ser o mesmo?. Pois se é así que alguén dea un paso á fronte e o diga claramente, para que non nos sigamos enganando, nin pedindo peras ao olmo, xa que pola contra teremos que pensar que o que de verdade pasa é que, ou non teñen luces para máis, ou lles importa un comiño o futuro do club e a perigosa deriva na que está sumido.
Aviso aos navegantes. Cando se descendeu de Segunda B a Terceira, a estas alturas da tempada, con 17 partidos disputados, estabamos máis ou menos como agora, en metade da táboa e nin por asomo pensabamos ninguén que fose a acontecer o que logo pasou. Pero é que o ano pasado, tamén con 17 partidos xogados eramos sextos a só catro puntos do cuarto. A situación converte o partido do día de Reis nun "regalo" envelenado, porque non quero pensar que pode suceder se a principios de xaneiro quedamos descolgados e case sen opcións.
Pero se a situación deportiva é a que é, pode que a causa haxa que buscala tamén na parte institucional, xa que unha e outra adoitan ir unidas con bastante frecuencia.
Prefiro ignorar a esperpéntica rolda de prensa última, convocada, ou polo menos esa impresión teño, única e exclusivamente para intentar acalar voces críticas, sempre molestas, aínda a custa de volver poñerse en evidencia menosprezando de forma grotesca un rival próximo, á súa localidade de orixe, aos seus dirixentes e seguidores. Abonde dicir que nese acto algúns exerceron de "pinochos" sen o máis mínimo rubor para intentar quedar ben, conseguindo o efecto contrario sendo retratados de novo, por se non o estivesen xa anteriormente.
Claro que iso non foi máis que unha pequena mostra. Ao parecer o único importante, o que hai que arranxar e que non se pode consentir, é que ninguén critique. Se non fose porque dubido que cheguen a iso, pensaría que algún leu o filósofo alemán Arthur Schopenhauer, pai do "pensamento único", decidindo que esa é a solución aos males do Pontevedra: pensamento único ou dicir amén a todo o que proveña da sede de Benito Corbal...
Ah, non!, que me esquecía, xa non hai sede en Benito Corbal, que a trasladaron, tamén así, a golpe de vacacións do Nadal e sen consulta previa á masa social e accionarial. Cando hai uns anos o sentimento da gran maioría de socios (e en tempos máis difíciles que os actuais) era manter a sede, creo eu que pouco custaba esperar polo menos á Xunta de accionistas e someter a esta a conveniencia ou non do traslado. Iso sería sensibilidade e respecto ao socio/seguidor/accionista.
Pois nesa sede se viviu nos seus últimos días outro episodio bochornoso, aínda que non público (non facía falta, os berros eran perfectamente audibles no exterior), noutro intento de exercer de mal imitador de Schopenhauer. Por respecto cálome o nome dos protagonistas, pero a un deles cabería aplicarlle a famosa frase cuxa orixe se descoñece e que moitos atribúen a D. José Zorrilla, no seu "D. Juan Tenorio": "los muertos que vos matais gozan de buena salud".
Son pequenas mostras, como o da suspensión do partido de xuvenís, cando a 50 metros o IMD deixara dispoñible o novo campo sintético, pero claro, o que non había era ningún responsable do club, capaz de adoptar ou propoñer unha decisión razoable e intelixente.
Pero como no fondo quizais todo ésto non sexan máis que esaxeracións dun, eu invitaría aos dirixentes? granates a que simplemente pregunten aos xogadores e empregados os problemas que eles ven no día a día, pero que o fagan individualmente e de forma discreta, ao mellor se sorprenden, ou pode que non, quen sabe, pode que realmente impórtelles un beldro e o seu único obxectivo sexa que sigamos comungando con rodas de muíño.
De verdade, entendo a situación económica e as limitacións que esixe. Entendo que quedan uns anos duros, pero de verdade non podemos aspirar a algo máis que o que nos están a ofrecer?.
E isto como o arranxamos?. Quixera vender optimismo. Quixera dicir que todo marcha ben. Desgraciadamente sería facer de "pinocho" e para ese "papel" hai mellores actores. Pois arranxámolo se todos remamos na mesma dirección. Se o facemos podemos ir mellorando e saíndo da profunda focha en que está metido o club, pero certo é que para que os remeiros remen alguén ten que marcar o rumbo, empezando por coser a cantidade de descosidos xerados nos últimos tempos.
26.12.2012