Manuel Pérez Lourido
Premios para Pontevedra
Pontevedra ven de acadar en Nova York un galardón polo seu modelo urbano. Como pasara co premio da ONU Habitat, axiña xurdiron por todas partes os bombeiros de quenda: xente que anda coa mangueira preparada por se os fumes se nos soben demasiado. Dende foros e redes sociais recórdannos a grande cantidade de cousas que quedan por facer na cidade. Por suposto que as hai, non había de habelas. O que resulte curioso é que se sintan na obriga de facer ese exercicio de memoria xusto cando aparecen as novas dun premio. Que eu saiba, que lle outorguen un premio á cidade por un aspecto concreto do seu desenvolvemento non implica que nos demais ámbitos non haxa cousas que mellorar, ou cousas que se precisen facer ou cousas que se están facendo mal. Pero a algúns seica lle proe que a cidade leve un premio. Igual é porque pensan que lle dan un premio ao Concello. Igual pensan que é porque lle dan un premio ao BNG e ao PSdG. Qué saberán en Nova York das leas nas que andamos nós...
Pensa un que en realidade deberiamos sentirnos todos ben orgullosos destes galardóns. Cheos de orgullo e satisfacción como dicía estar Juan Carlos I por moito menos. Pensa un que este recoñecemento é bo para a cidade e para a súa promoción coma destino turístico. Porque imos ter que vivir aínda mais do turismo. Os pontevedreses, os galegos e os españois en xeral. Para iso nos meteron en Europa. Para iso temos aeroportos e imos ter AVEs a esgalla. Para iso estamos co inglés ás voltas, que non nos da entrado, a verdade. Disque durante estes últimos anos foi o sector turístico o que axudou a equilibrar un pouco o asunto dos ingresos. Pois iso.
Mal imos se o que facemos cando nos dan unhas medallas é guindalas contra o noso tellado.