Manuel Pérez Lourido
Letras galegas, labazadas, futuro
O pasado venres 15 celebrouse en Pontevedra unha manifestación en prol da lingua galega. Xa saben, iso que temos en Galicia que servía para comunicarse antes de que o castelán impuxera a súa suposta superior categoría e, sobre todo, a súa suposta liñaxe. O idioma galego, anterior como lingua ao portugués tras constituír un tronco común, estase a falar cada vez menos na nosa terra. Concretamente, a poboación que fala en galego descendeu 13 puntos en 10 anos. A RAG indica no seu portal que é unha lingua aínda obxecto de prexuízos e de "históricas políticas de desprestixio".
Existen medidas de promoción noutros ámbitos diante dunha situación de desigualdade. Por exemplo coas políticas que fomentan a igualdade da muller. Recoñécese que unha deriva histórica levou á actual situación de desigualdade e trátase de paliar esa inxustiza.
No caso do idioma, a historia explica a situación de desvantaxe da nosa lingua polos diferentes períodos, non xa de imposición do castelán, senón de exterminio do galego, pero cando se desenvolven políticas para paliar este status quo, certos sectores socio-políticos chámanlle a iso, mentindo, "imposición". E algúns gobernantes entran a ese trapo e fan desleixo de funcións na súa obriga de defender e impulsar a lingua propia do país que os elixiu.
Isto ocorreu nas ultimas eleccións autonómicas, cando en 2009 o señor Núñez Feijoo, diante a posibilidade de quitarlle o poder ao bipartito, botouse nos brazos das teses xenóbofas de Galicia Bilingüe. O decreto de plurilingüismo tivo a virtude de converter ao señor Fraga Iribarne, asinante do anterior acordo, nun paladín da lingua galega. Como sería a cousa que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia chegou a anular parte do mesmo en 2010. A RAG ven de recurrilo diante do Tribunal Constitucional. Certo é que agora o vento mudou e o presidente da Xunta está a moderar a súa postura, facendóo visible coa sustitución do anterior conselleiro de Educación por un home mais aberto ao diálogo.
Tampouco axudan as polémicas políticas. As labazadas a rebolo contra calquera que, loitando por transformar a situación de desigualdade, o faga desde presupostos distintos aos meus. Fraco favor lle fan ao Bloque Nacionalista Galego, ao que hai que recoñecerlle a súa persistente e acendida defensa do idioma, o enfrontamento co actual presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, ou á polémica encol da homenaxe a Filgueira Valverde no Día das Letras Galegas. Por certo, a institución que preside Alonso Montero ven de recurrir diante do TC.
Nin a concepción folclórica da lingua galega, nin a visión integrista das políticas a desenvolver para promovela van facer nada por ela. Se algo hai no eido cultural e social merecente dos esforzos para acadar acordos entre todas as formacións políticas debería ser a lingua galega. Un compromiso nun termo medio entre as distintas concepcións sería un bo punto de partida que sentaría as bases para que a mesma lingua comezara a ser vista doutro xeito polos potenciais falantes. É imposible darlle pulo e aumentar a estima dun idioma que é sinónimo de enfrontamento.
Estamos diante de eleccións municipais, xerais e mais adiante autonómicas. Hai un vello pensamento que sinala que se desexamos resultados distintos diante dun problema que está por resolver debemos aplicar solucións distintas ou seguiremos fracasando. Xa sabemos cara onde leva a solución de tirar cadaquén pola súa banda.