Tribuna Viva
Situacións nas que o teu fillo/a pode quedar sen libros do fondo solidario
Logo de analizar a FANPA as ordes que publicou a Consellería o 1 de xuño sobre o fondo de libros e as axudas para a adquisición de libros, estas son algunhas das situacións que se poden dar:
1. O teu núcleo familiar ten un nivel de renda baixo, pero o resto dos núcleos familiares da clase do teu fillo/a ten unha renda aínda menor (a crise destes anos non perdoa), e os libros esgótanse antes de que chegue o teu posto, pois accédese ao banco en orde de renda, de menor a maior.
2. O curso do ano pasado tiña un nivel de renda alto, polo que case ninguén accedeu ao cheque de libros e, polo tanto, hai poucos libros no banco. O teu fillo/a pasa para ese mesmo curso e xa podes ter un nivel de renda ínfimo, que non hai libros para repartir.
3. O ano pasado as clases de 3º e 5º de primaria, e 2º e 4º de secundaria tiñan menos alumnado que os do teu fillo/a deste ano. Como había menos alumnado o ano pasado, os libros non chegan e aínda que teñas unha renda baixa podes quedar matematicamente sen libros.
4. Se o teu fillo/a repite curso, ten que devolver os libros, pero nin está cuberto pola orde de axudas para adquirilos, nin pola orde de fondo de libros.
5. Levades en paro máis de 4 anos e tedes unha oferta de traballo que supón cambiar de residencia no medio do curso. Cando o voso fillo/a chega ao novo centro, como o reparto xa se fixo antes de comezar o curso, non hai garantías de que o voso fillo/a consiga os libros no novo centro, aínda que a vosa renda sexa moi baixa.
6. A orde non recolle casos excepcionais. O teu fillo ten que devolver os libros mercados coa axuda do ano pasado, pero unha causa de forza maior (o macarra da clase tiroullo ao lixo, rompeu un cano e empapáronse os libros, tivestes un accidente co coche e perdéronse ou estragáronse, o mestre/a ou profesor/a non sabía que había que devolvelos e insistiu en que se podía escribir co boli, etc.) impídelle devolvelo segundo se esixe para poder participar do fondo. Neste caso, aínda tendo a renda máis baixa, non terás acceso ao banco de libros.
7. Tiveches un ano bo no 2013, pero o primeiro de xaneiro de 2014 metéronte nun ERE ou quebrou a empresa, ou simplemente rematou o teu contrato de traballo. Dende entón, levas ano e medio buscando traballo e resulta que a renda de 2013 colócate nos últimos postos da táboa e xa non quedan libros.
8. Os rapaces do ano pasado foron uns trastes e destrozaron moitos libros. A maioría deles quedaron inservibles, e este ano non reciben axudas (pois hai que devolvelos en bo estado para acceder ás axudas para adquirir libros ou ao fondo solidario de libros do centro). Como eses libros que ían ao fondo quedaron inservibles e non se repoñen, quedas sen eles.
9. O sistema informático que elabora as listaxes deu un erro, seguramente por un fallo humano, e deixoute fóra do banco de libros. Como sabes que nos procedementos administrativos hai 20 días para alegar e a resolución publicouse hai dous días, pensas en ir presentar a túa alegación mañá pola mañá. No entanto, quedas fóra, pois a orde dá dous días para alegar (e dous días tamén para completar documentación á solicitude) malia que a Lei de procedemento administrativo di que son 20 e 10 días respectivamente.
10. O teu fillo ten unha discapacidade menor dun 65%, e vai a un centro ordinario, pois queres que se convirta nun adulto independente, capaz de valerse por si mesmo. Os libros do banco de libros non valen (ninguén tiña o mesmo tipo de discapacidade o ano anterior nin emprega libros, senón material específico) así que miras se podes comprar o material específico coa orde de axudas. Entón te decatas que só vas ter axudas para ese material se a dirección do centro decide elaborar ou adaptar material, é dicir, se o profesorado quere e/ou ten cartos para facelo.
11. Nos colexios onde hai cursos desdobrados non vai haber libros para todos os que teñan rendas baixas xa que son moitos máis alumnos que os que cursaron o ano pasado.
Estes son só algúns supostos que se derivan da aplicación das ordes de axuda á adquisición de libros de texto e de fondo de libros solidario. Non son hipóteses absurdas, imposibles, ou insolubles. Son situacións extremadamente probables (de feito, moitas vanse dar con toda seguridade), que case todas tiñan fácil solución, e que revelan, ao mesmo tempo, a falta de sensibilidade e a incompetencia da Administración. Porén manifestamos o máis enérxico rexeite a este sistema inxusto e ineficaz, que nos vai deixar a todos sen axudas efectivas para os libros de texto dos nosos fillos.
A Federación de ANPA da provincia de Pontevedra