Beatriz Suárez-Vence Castro
O premio
Onte tiven un premio. Non é un premio para lucir nas estanterías da miña casa nin para aumentar a miña carteira. É moito mellor ca iso.
Clausarabamos o curso de Escritura Creativa de Taller Aberto coa lectura na Casa das Campás dos nosos relatos. O exercicio que expoñemos perante o público está baseado nunha foto que fan os nosos compañeiros do curso de Fotografía. A partires das súas fotos, facemos as nosas historias. Eles captan a imaxe e nos poñémoslle as palabras.
Nas nosas clases facemos lectura de textos entre os alumnos que asistimos as clases pero o relato final preséntase a todo o mundo que o queira escoitar e sempre están presentes os autores das fotos que dan pé aos relatos. As fotos proxéctanse mentres lemos, para que todo o mundo poida identificar a foto que inspirou o relato .Nós non sabemos quen é o autor da foto nin o motivo polo que eles a fixeron ata que expoñemos a nosa historia.
Eu fixen o meu relato a partir da imaxe dun neno. A mirada do neno se me cravou dende o momento que a vin. Non miraba para a cámara. Parecía que non se pousaba en nada concreto. Os seus ollos, fermosísimos, estaban moi lonxe dalí e, non obstante, traspasaban o obxectivo.
Convertín aquel neno nun personaxe imaxinario para a miña historia. Fun quen de facelo gracias o ollo do fotógrafo que soubo captar unha mirada diferente, que non parecía abrirse o mundo para os demáis se non só para él mesmo.
Cando rematei de ler, a autora da foto contou que o rapaz era o seu neto, un rapaz con autismo. Desveloume o segredo daquela mirada tan especial que inspirara o meu relato.
Os nenos autistas teñen unha mirada fermosa, limpa e tamén extraña para nos porque miran máis cara o seu mundo interior que á realidade de fóra. Ela fixo a foto na casa onde o neto atopa a tranquilidade e a seguridade que tanto necesita.
A muller felicitoume porque atopei a maneira de describir con xeito a expresión do seu neto. De pór as palabras a aquela emoción que ela capturara tan ben na imaxe e que era tan querida e tan importante para ela. A súa felicitación foi o meu premio.
A escritura, a pintura, a fotografía, a música..., non importa do nivel que sexa, está feita de emocións. Cando un texto, un cadro, unha foto ou unha canción consegue provocar sentimentos no outro, ese é o maior logro para o autor. Se ademáis produce unha conexión das impresiones conseguése un momento único. O mesmo sucede co cine ou o teatro. Poden destapar emocións agochadas.
O autismo é un transtorno das emocións. Os autistas parecen non sentir pero é xusto ao revés: sinten tanto que os seus sentimentos os desbordan e non son quen de comunicarse co mundo porque resulta demasiado complicado para eles facerse entender por nós. O que nós vemos e o que eles ven son cousas distintas. A nosa realidade non é a sua pero iso non fai a nosa máis verdadeira. No autismo hai todo un mundo por descubrir. Cando a ciencia consiga facelo poderá axudar ao neno da foto e todas as demáis persoas que o padecen a conectar mellor cun mundo exterior que lles resulta tan doloroso e mitigar a súa dor e a das súas familias.