Pedro Ferreira
Libre directo. Análise 19ª xornada
Empeza un ano novo e remata a primeira volta. Debemos facer balance de algo que non ten marcha atrás. Pola parte alta da clasificación, confirmación dun equipo que só é cuestión de que pasen as semanas para poder dicir que vai quedar campión desta competición.
Logo encontrámonos con outros dous equipos (S.D. Compostela e Celta B) que teñen moi boa pinta e apuntan a ser os máximos candidatos a rematar entre os catro primeiros. Queda aberta a cuarta praza, que neste momento ten o Depor B, pero con pouco marxe de puntos sobre un grupo de equipos entre os que destaca o Pontevedra C.F.
Do fin de semana quedamos co partido de Pasarón. Por fin vimos un Pontevedra C.F. que fixo honra ao equipo que debe ser, por moitos motivos. Un Pontevedra que, consciente que a importancia dos tres puntos, foi a polo partido, e ofreceu a súa mellor versión e o seu mellor partido do que vai de competición. Fixo méritos por xogo e esforzo para gañar a un rival que como demostrou onte fora da casa baixa moito as súas prestacións. Para mala sorte, encontrouse co árbitro (Jiménez Alberte) que máis penaltis pita nesta categoría, pero que o domingo de forma sorprendente traga un claro derrubamento a Jacobo no minuto 88, que podía ter cambiado o resultado final. A parte negativa ver como Compostela e Celta B se lle van con dez puntos de vantaxe, vantaxe que se me antolla importante para poder remontar na segunda volta.
Polo demais, pois máis do mesmo, un Somozas que volve gañar como visitante (e segue sen perder) e un Cerceda que viu como despois de ir 0-2 ante o Negreira deixou escapar a vitoria e non consegue enganchar con ese pelotón que opta á clasificación para esa cuarta praza.
Pola cola pois outra semana máis onde ningún equipo en zona de descenso consegue a vitoria e aquí cando empezamos a segunda volta de pouco valen os empates.
Como partido da xornada, designamos o Celta B-Depor B. Duelo entre filiais que se vai xogar o próximo domingo en Barreiro, ás 16.15 horas.
Entramos no tramo de competición onde xa empezan a valer os parciais entre os equipos e xa non só xóganse tres puntos, tamén se xoga un punto máis polo parcial ao final de competición.
REXIONAL PREFERENTE
Empezamos polo partido da xornada, que confirma unha vez finalizada a primeira volta ao Portonovo S.D. como aspirante ao ascenso. Poucos eran os que ao principio de tempada o poñían na lista de candidatos, pero con sete vitorias dos oito últimos partidos finaliza a só un punto das dúas posicións que dan opción ao salto de categoría.
Tampouco fallaron os primeiros clasificados, pero si un equipo que nas últimas xornadas ofrece moitas dúbidas e pouco a pouco está a gañar afastarse desa zona nobre, o Barco, ao que as súas malas actuacións e peores comportamentos no terreo de xogo o están a distanciar do grupo principal.
Outro equipo que lentamente está a caer é o Valladares. Cinco son as semanas que leva sen gañar e ve como a cabeza lle escapa xa a nove puntos.
Analizando este final da primeira volta encontrámonos a tres equipos cunha lixeira vantaxe sobre un grupo de perseguidores entre os que destacan o Arosa e o Choco, que rematan a sete e oito puntos respectivamente da zona de ascenso. Estamos a falar de dous equipos que aínda non dixeron a última palabra nesta competición. Na metade da táboa un Ribadumia que aínda que está a mellorar, se nos antolla que eses dez puntos que lle separan do ascenso son bastantes, co engadido de ter demasiados equipos a superar no camiño.
Pola cola encontrámonos un Marín que levan sen perder seis partidos e que coas dúas vitorias nos seus dous últimos partidos se achega á salvación. O Mondariz coa súa vitoria na Estrada, remontando un 2-0, encóntrase con algo que non recordaba dende o 28 de outubro.
Resumindo, só me atrevo a dicir que un equipo ten ambos os dous pés na categoría inmediata inferior, o ponte Ourense.
Para a próxima xornada daremos moita importancia ao que suceda en Calabagueiros, onde se enfrontan Barco e Gondomar (equipo revelación). Recordemos que os locais levan 1 punto dos últimos nove disputados.
07.01.2013