Ramiro Espiño
Carta tardía aos Reis Magos
Queridos Reis Magos: Hai anos que non vos escribo. Sei que o meu arroz xa se pasou, que agora tedes que dedicar a vosa atención a outros. Tamén sei que non están os tempos para pedir moito e que ata a vós vos custa facer milagres. Ademais, supoño que agora que estades de viaxe de regreso a Oriente, non vos fará moita graza que sexa pesadiño e interrompa o voso necesario descanso cunha petición máis e fora de prazo.
Ídesme perdoar pero teño que facela. Non fun todo o bo que debese, pero tampouco fun tan malo para que me deixedes carbóns. Sei que algúns dubidan de vós, que din que sodes os pais. Eu non os creo porque sodes tres e ningún muller. Ademais, o meu pai non tiña barba nin facía milagres (ben, ás veces si, como tantos outros hoxe en día para chegar a fin de mes, pero supoño que iso non conta). Por iso, porque de milagres vai a cousa, déixovos esta carta coa esperanza de que a poñades polo menos en lista de espera para a vosa próxima campaña real.
Vivo nunha pequena pero preciosa cidade (aínda que seguro que iso xa o sabedes) na que o deporte é paixón e na que especialmente hai dúas debilidades que acaparan penas (moitas) e alegrías (máis ben poucas). Teñen unha longa historia por detrás, pero un negro ou incerto porvir. As dúas atravesan os momentos máis baixos e tristes da súa vida e as súas afeccións rozan o desencanto, que non o desalento.
Pontevedra e Teucro chámanse. Eles énchennos moitos momentos de vida. Emociónannos e fannos sufrir. Pero son nosos e querémolos. Dende hai tempo camiñan sen que os seus dirixentes rematen de encontrar o rumbo axeitado. Din que é cuestión de diñeiro, pero eu creo que é máis cuestión de ideas.
Así que aí vai a miña petición. Vós que o sabedes todo, buscádenos entre os pontevedreses de ben, de corazón e sentimento, alguén que saiba e queira, que nos devolva a ilusión deportiva, esa ilusión que vimos reflectida nas caras de tantos nenos na vosa cabalgata e que non conseguimos encontrar nas dos que (cada vez menos) van ao noso campo de Pasarón.
Sei que é moito pedir, pero se ademais vos levades unha temporadiña convosco, aos vosos afastados apousentos orientais, aos responsables da situación actual, prometo ser bo durante moito tempo (ou polo menos o intento...palabriña do neno Xesús).
07.01.2013