Antón Masa
Por unha política forestal que poña fin aos lumes
Por fortuna para os nosos montes e para o noso patrimonio, chegaron as choivas e deron unha tregua aos incendios forestais que cercaron Galiza deixando ao seu paso milleiros de hectáreas de arborado e monte raso queimados e destruídos, unha situación que –por outra banda e por desgraza- non é novidosa porque, con maior ou menor virulencia, repítese ano tras ano.
Sen pretender dar a resposta definitiva ao problema –ninguén ten a resposta última como ninguén sabe da causa última das queimas forestais- desde a APDR queremos dar a nosa visión ao respecto desta gravísima situación.
Podemos coincidir coa maioría de xente en que moitos dos incendios –quizais a maioría deles- semellan ser provocados pola man humana, ben sexa intencionadamente ben por descoidos de moi diversa índole. Pero, con independencia desta realidade, hai outras circunstancias que ao noso entender favorecen os incendios forestais na nosa terra; sen ánimo de priorizalas, sinalaremos algunhas delas:
- O continuo despoboamento do rural e o envellecemento da poboación alí existente.
- O tipo de repoboación forestal levada a cabo no noso país, baseada no monocultivo do eucalipto, unha árbore pirófita que favorece os incendios e–coa colaboración do vento- a súa propagación de copa en copa e mesmo a aparición de novos focos.
- A práctica inexistencia dunha política de prevención de incendios, unha política que desde a APDR supón non só desenvolver e manter no tempo unha política de limpeza do monte, senón –e sobre todo- de posta en valor do monte dun xeito integral, favorecendo a diversificación do seu uso, potenciando o policultivo e reducindo progresivamente a presenza de especies invasoras como o eucalipto ou as acacias (mimosas).
- A escaseza de medios materiais e humanos no servizo de extinción, unha situación que –tal como denuncian os sindicatos do sector- faise cada volta máis evidente.
- A nova Lei de Montes que abre a porta á posíbel recualificación dos montes queimados.
Así as cousas, para nós, a loita contra os incendios pasa por dar solución a estes problemas de forma sistemática, tratando de eliminar todos os posíbeis intereses na queima do noso monte, e contando para elo coas organizacións que teñen moito que dicir neste tema, entre outras as comunidades de montes en man común, as ecoloxistas e as que practican a caza nos montes galegos.
Neste sentido, valoramos moi negativamente a actitude do Goberno da Xunta de Galicia que, lonxe de acometer o problema de forma integral, limítase a falar –como teñen feito xa anteriores gobernos- da existencia de tramas organizadas interesadas en desestabilizar ao seu goberno. Esiximos a eliminación das causas de excepción que a actual Lei de Montes inclúe no que fai á recualificación dos montes queimados e a apertura do diálogo coa sociedade cara a establecer pautas que leven a atallar a problemática dos incendios de forma definitiva coas miras postas no futuro, sen esquecer por elo a necesidade de acometer –con máis medios humanos e materiais- as solucións a curto prazo, que pasan pola extinción dos novos lumes e a política de vixiancia dos montes.