Manuel Pérez Lourido
Premios e envexas
Punto primeiro: non se dará un premio nunca a alguén que sexa do agrado de todo o mundo. Si se lle da a un medallista reincidente recodaráselle que o moi burro foi nunha lista que non nos gustaba. Se se lle dera a un locutor de radio dirase que había outros profesionais que tamén o merecían aínda que non fosen despedidos. Falo do galardón máis prestixioso de todos os que se dan en Pontevedra e falo del básicamente porque non coñezo outro. O cal non quere dicir que non os haxa, que dame igual quedar por ignorante.
Cando alguén que non é un leva un premio, non sei, pero para empezar xa non é o mesmo. Os outros son o que vostedes queiran, pero un e un e as súa circunstancia. Iso debe significar algo, ou polo menos así era para Ortega y Gasset. Con eses apelidos éche doado dicir cousas desas. Din que vivimos nun país de envexosos. Bueno, díxoo Gironella en El español y los 7 pecados capitales e punto pelota. Antes Unamuno novelou en Abel Sánchez algo que seguramente coñecía de primeira man, levando onomásticamente a cousa ao seu comezo bíblico: La envidia de la virtud hizo a Caín criminal gloria a Caín hoy el vicio es lo que se envidia más cantaba Paco Ibáñez con versos de Machado (moito deben os poetas aos cantautores e viceversa). E xa antes Quevedo dicía que la envidia está amarilla y flaca porque muerde y no come. Non se trata de documentar o tema da envexa. Bastaría con analizar os nosos propios sentimentos con honestidade e carezo de datos, gañas e sobre todo, capacidade, para efectuar un dictamen sobre o grao de propagación disto que é para uns debilidade e para outros pecado, nesta cousa chamada pel de touro. O que hai que facer ás veces por non dicir España, este termo tan demodé que non penso empregar nunca máis por hoxe.
Tamén sabemos todos que os premios, aparte de estar mal dados cando non recaen nun mesmo, sofren de enfermidades varias coma amaños, presións externas, subornos; ou son, directamente, unha montaxe publicitaria para poñer no escaparate algo ou a alguén. A vantaxe é que sempre podemos apelar a estas afeccións dos concursos e certames para explicar por que os resultados non son os desexados (por nós). Pero a envexa traballa igual sexa o galardón merecido ou só un agasallo. Por iso o máis saúdable e non facerse mala sangue e empregar a nómina de premiados coma un termómetro do noso propio benestar interior.
13.01.2013