Francisco Freire Vila
Educación dixital
Cando estaba estudando Filoloxía manexaba inxentes listaxes de bibliografía que tiña que consultar nas bibliotecas ou mesmo mercar os libros máis interesantes. Daquela era impensable que en poucos anos teriamos ao alcance da nosa man calquera información ou resposta, en calquera instante e en calquera lugar, en aparellos de tamaño cada vez máis reducido e cunhas posibilidades inimaxinables e fascinantes. Estaba por chegar a era dixital!
E chegou tan forte que hoxe en día os pais, os avós, os tíos, os Reis Magos... regálanlles aos nenos e nenas tablets, móbiles, MP5, iPods, iPads, e-Books, netbooks, cámaras, etc. Moitos destes dispositivos, con conexión a internet, poñen na palma da man o valioso coñecemento, a información, a capacidade, a síntese, etc. Que ferramentas formativas tan extraordinarias para o ser humano e tan útiles para sacar adiante unha carreira! Será por iso que se regalan tanto? (Coido que non!).
No entanto, algúns manifestan que o mal uso da rede en certas idades (11-15 anos) alimenta os estímulos degradantes e produce trastornos na personalidade e paralelamente empezan a ver unha involución das estruturas fisiolóxicas do cerebro humano ao detectaren un retroceso nos aspectos cognitivos. A verdade é que na mesma rede hai exemplos dabondo. Son miles as imaxes captadas por cámaras particulares e colgadas na rede que recollen intencionadamente traxedias, atropelos, accidentes, agresións, violacións, etc.
Pois ben, neste novo contexto os pais e nais temos unha función moi importante e unha gran responsabilidade que nos obriga a ampliar e intensificar o papel de educadores dos nosos fillos e fillas nesta era dixital, non exenta de riscos: sexting, ciberbullying, grooming, adiccións... Quizais sexa por iso polo que é frecuente escoitar o difícil que resulta educalos hoxe en día. ÿ evidente que á educación sexual e á educación en valores, entre outras, hai que engadirlle agora a educación dixital, cunha demanda en idades cada vez máis temperás, sen damos conta de que lles dedicamos pouco tempo.
Para educar con éxito necesitamos, polo tanto, tempo, constancia e temos previamente que informarnos, formarnos e sobre todo empregar o sentido común xa que hai accións que non son aptas para certas idades e que están por riba do concepto de liberdade, así, non podemos deixar os menores ao seu libre albedrío no uso das novas tecnoloxías e da rede, igual que non deixariamos unha chea de coitelos ao alcance dos nenos e nenas nunha ludoteca.
15.01.2013