Manuel Pérez Lourido
Frankestein 04155
Hai que ver Frankestein 04155. Para recupera a memoria. Hai que ir a ver esa longametraxe documental que foi impulsada polos familiares e vítimas do accidente do Alvia do 2013. 81 vidas, 140 feridos, 1 imputado (o maquinista).
"Milleiros de viaxeiros arriscaron a súa vida dende que inauguraron a liña, ata que ocorreu a catástrofe" expoñen en Verkami, a web de crowfunding coa que recolleron cartos para axudar ó financiamento do filme. Premio Cineuropa 2015. O director ourensán Aitor Rei analiza dende todos os ángulos as circunstancias que provocaron esa traxedia. No só o despiste dun traballador.
Poden estar as vidas dos pasaxeiros dun tren do século XXI nas mans dun traballador?. Frankenstein era o nome con que se coñecía no argot ferroviario á "criatura" mortal, o Alvia S 170, deito de anacos de outro tren, o Alvia S130 ao que se lle incorporaron dous furgóns xeradores onde estaba o gasóleo para circular por onde non había vía electrificada. Frankestein era como lle chamaban os maquinistas e directivos de RENFE. 04155 é o número de servizo que realizaba o tren o día do accidente.
Esa tardenoite, véspera do día de Galicia, na que comezaron a pingar cifras de mortos ata que foi unha chuvia insoportable. O documental, di nas entrevistas o seu director, xurde dunha necesidade perentoria por parte dos familiares das vítimas: coñecer a verdade. Tomar esa menciña, ese ansiolítico, para ficar un pouco mais tranquilos, para durmir sen pesadelos. Xa que toca sufrir, polo menos que non te tomen por parvo, aínda por riba.
O metro de Valencia, o Yakolev, o accidente de Spanair: exemplos flagrantes nos que a Administración escorre o vulto e sae fuxindo, aínda que sexa co cu ao aire. As distintas asociacións de vítimas falan neste traballo documental. Poñerlle voz a aqueles aos que se lles quere tapar a boca. Como María Teresa GómezLimón, deputada polo PP na asemblea de Madrid, que abandona o partido polas "condutas totalmente opacas e obstruccionistas". Non tiña o corpo para iso: fracturas vertebrais, no esterno e nunha perna.
Non é sinxela a tarefa. Aitor Rei conta os atrancos para levar adiante o proxecto, como foron ameazadas con perder o seu posto de traballo enxeñeiros e directivos que contactaron coas vítimas e recoñeceron que aquilo foi unha "chapuza". O documental pon á vista datos pouco coñecidos como que o tren soportaba unha carga en 32 toneladas superior ao permitido.
Cando, despois de sufrir unha desgraza temos que padecer outra mais acompañada de aleivosía, como é a ocultación dos feitos que levaron á mesma, moitas veces ficamos sen forza. Por iso é importante á unión das poucas forzas de moitos: pode botarlle un pulo ao poderoso Dr. Frankenstein, o creador do monstro.
Hai que ver Frankestein 04155. Para recupera a memoria. Cando se agocha a verdade, as vítimas somos todos.