Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'A noite enriba'
A noite enriba é a nova obra de Diego Ameixeiras. É un thriller negro coas características propias do xénero, como a ambientación urbana ou a presenza da violencia cotiá, mais leva a cabo unha transgresión do xénero máis clásico. Neste sentido, acada de novo un estilo propio, que veu desenvolvendo nas súas cinco últimas novelas e que en certo modo iniciara xa en Dime algo sucio (2009).
© Edicións Xerais
A novela comeza con varios fíos argumentais que se van trenzando para construír unha corda fixa e estable. En base a retallos que semellan tomados de aquí e de alá sen conexión ningunha, acaba por tecer unha trama con fortes conexións entre os personaxes. A este respecto, a psicoloxía de cada personaxe está ben trazada, destacando entre eles o escritor ilusionado e atormentado, con certas características autobiográficas.
Como pano de fondo, a propia literatura. A homenaxe aos mestres, á novela negra estadounidense de mediados do século XX, leva a unha reflexión sobre o propio papel do autor a través da reivindicación do esquecido David Goodis. E xunto coa literatura, o cinema e a música, de grande importancia na obra de Ameixeiras, desde os Nick Cave e The Homens que escoitaba Porter na novela O cidadán do més, aos Sonic Youth presentes en Asasinato no Consello Nacional, pasando pola canción "Dos besugos" de Sr. Chinarro que dá nome a Tres segundos de memoria.
Como se dixo, hai unha forte presenza do ambiente urbano. É unha obra marcada polos espazos actuais de Oregón (de novo, trasunto literario de Ourense) e Filadelfia. En canto ao tempo, a trama é absolutamente contemporánea, pero tamén hai interesantes analepses á Barcelona macarra da década de 1980, na que non poden faltar atracos a golpe de pistola e motíns na prisión Modelo. Ben interesantes son tamén as referencias ao mundo da Editorial Bruguera e ao xénero da novela barata, destinada a un mercado popular e escrita case como nunha cadea de montaxe.
GFDL Adrián Estévez Iglesias
Respecto a outras obras do autor, esta novela gaña en xiros inesperados, cun final ben logrado e imprevisible. Gaña tamén en verosimilitude, o cal é de agradecer. Nun tempo en que é sinxelo visitar calquera cidade do mundo co Google Street View, dá xenio imaxinar as rúas da cidade máis poboada de Pensilvania sabendo que as referencias están aí.
A obra gaña tamén no coidado da lingua. Aos diálogos cinematográficos únese unha fermosa descrición poética de escenas banais, como un narcotraficante afiando unha culler ou unha filla adolescente preparándolle a cea a súa nai para lle pedir un favor. A noite enriba é unha novela para gozar, que engancha e invita a manter a tensión até o final, pero na que tamén presta reler de novo unha pasaxe ou deterse a saborear unha ácida resposta.
A noite enriba (Edicións Xerais, 2015)
152 páxinas. ISBN: 9788499149363