Manuel Pérez Lourido
Poesía en Pontevedra
Non hai maior acreditación da militancia na utopía que escribir versos. E non hai maior proba de estar perdido nela que a de publicalos. Vivimos tempos prosaicos e pragmáticos e calquera extravagancia pode ter xustificación sempre que sirva para encherte os petos. Se non é así, es so un hippy e todo o mundo pensa que o tempo dos hippies pertence ao pasado.
Vórtice, un tipo aínda insultantemente novo, ten xa un longo percorrido no bosque das letras. Porén, esta é a súa primeira incursión na poesía en galego.
Previamente confabulados, os membros da mesa celebraron a chegada de "Atrofiadas as estrelas" como un libro sobre "o erotismo, a supervivencia na noite, as rúas, a soidade...". Caralladas. Vórtice é un tipo namorado que escribiu poemas de amor. Xuntounos neste libro e punto. Escribir poemas sobre o amor non é un demérito, ao contrario. É certo que a noite é o ámbito da maioría dos poemas e que a cidade tamén está presente, pero todo se artella arredor dun fondo sentimento amoroso. O primeiro poema comeza: "E ti estás aí falando, sorrindo / (...) /apartando a molesta realidade / ... e a interlocutora do poeta e a súa amada, un recurso que se repetirá durante o poemario e que pechará tamén este: "arestora xa non estás durmida / xa non conversas co ar da noite". Fermoso verso este último que pinta un lenzo dunha rapaza pensativa, se cadra mirando ao ceo nocturno.
Poemas que chegan polas fendas da noite, que se ispen entre o cansazo e a saudade por unha vida distinta á que nos venden empaquetada e con vales de desconto. Versos que son fillos atrofiados das estrelas, música intermitente transmitida de planetas exteriores como aqueles dos que nos falou o inglés David Bowie.
O amor do que fala Vórtice é un refuxio ("mírote e esquézome...") que permanece "pese a inxustiza humana". Un amor con poder para sandar que se enuncia partindo dunha fonda complicidade espiritual e carnal coa persoa amada ("aquí os dous somos adictos á noite"). A comuñón alcanzada fai que os corpos falen ata cando se abandonan ao soño: "explicouse mentres durmía".
O poeta mestura pasaxes case narrativos con luminosas imaxes: "cazando milleiros de atlas esquecidos nas rúas" e abondan os versos convertidos en reflexións empapadas de beleza: "domingo saído da nada", "eu estou aquí e ti estás en todos os lugares posibles", aquela choiva que foi nosa durante anos / durante séculos". E non dubida en afirmar: "téñolle medo ao medo de non terte", ou "o terrible espanto de perderte", "eu que te amo / así morro".
Amor transcendente, menciña existencial; referencia física e espiritual pola que seguir adiante.
Aínda temos por diante moito inverno. A miña recomendación: paciencia, paraugas e poesía. "Atrofiadas as estrelas", amigos.