José Freire
Policía do Reino
Mediante Real Cédula, o 13 de xaneiro de 1824, Fernando VII, na súa época absolutista, crea A Superintendencia Xeral da Policía, organizando a mesma, definindo competencias e dotándoa dun orzamento e uniforme. As competencias desta Policía, consistirían en realizar padróns da veciñanza; expedir pasaportes; venda ambulante; establecementos; permisos de armas, caza e pesca; rexistrar toda clase de vehículos; e ademais outras que compartiría con outras institucións similares, ao obxecto de impedir cuadrillas e reunións tumultuarias que perturbaren a orde; e tamén perseguir asociacións secretas, tales como masóns, comuneiros e carbonarios. Os profesionais desta Policía denominábanse Superintendente Xeral, Secretarios, Tesoureiros, Comisarios de Cuartel Celadores de Barrio e Celadores de Porta. A nivel provincial o Intendente era o Xefe da Policía.
Tratábase dunha nova rede estatal de seguridade cidadá distribuída entre os principais núcleos urbanos e con estrutura xerárquica. Ao mando achábase un maxistrado co título de superintendente xeral, dependente do Ministerio de Graza e Xustiza. Tamén o quixo ser Garzón e no deixaron. As distintas comisarías locais, que en cidades grandes distribuíanse en distritos, rendían contas a un intendente provincial, que á súa vez se entendía co intendente xeral. A misión do corpo era garantir o ben público e a seguridade cidadá, perseguindo a quen vulneraba os dereitos cidadáns para poñelos en mans da Xustiza, «nun prazo de oito días», segundo rezaba o artigo XVI do Regulamento.
Aínda que con outra nomenclatura, pero case que ca mesma estrutura e funcións que na actualidade.
Un que vai cumprir os corenta anos nesta Corporación, leva oíndo aquilo de que a Policía sempre estivo próxima ao poder político e a quixeron identificar cos distintos réximes dende a súa creación. Foi precisamente no seu inicio cando se tachou de absolutista e de “cazaliberais”, sen esquecer a recente ditadura franquista como corpo de represión
O que resulta incuestionable é que nunha e outra época o seu servizo ao cidadán excedeu amplamente calquera posible servizo ao poder, aínda que ás veces preténdase ofrecer de forma interesada a parte polo todo.
Dito isto, tamén é certo que, en numerosas ocasións, os mandos supremos, e non tan supremos, tenden a acubillarse baixo o paraugas do poder político. E este os aproveita para os seus intereses partidarios. Máis teño que dicir, con total rotundidade, que a inmensa maioría dos membros do Corpo da Policía do Estado, basearon o seu comportamento profesional baixo os criterios dun servizo público de calidade e as normas vixentes en cada momento.
Neste tempo que nos toca vivir, os policías temos moi ben definido cáles son os nosos principios básicos de actuación: respecto á Constitución e o resto do ordenamento xurídico; actuar con absoluta neutralidade política e imparcialidade e sen discriminación algunha por razón de raza, relixión ou opinión; actuar con integridade e dignidade; colaborar coa Administración de Xustiza; e respecto á Constitución e o resto do ordenamento xurídico.
Máis non só respecto ao ordenamento constitucional e xurídico, tamén a obriga de cumprir e facelo cumprir.
Hoxe, por máis que lle pese a algúns, a Policía é unha das institucións máis valoradas polos cidadáns. Por algo será.