Ramiro Espiño
Váiase, señor Rodríguez, váiase!
Hai que recoñecerlle ao actual (e circunstancial) presidente do Pontevedra, Mauricio Rodríguez Boullosa, unha habilidade: a de ser capaz de xuntar vontades e conseguir unha rara unanimidade (ou case) nun tempo record. En menos de dous anos no cargo logrou, ou está a punto de facelo, converter unha entidade histórica nunha entidade "histérica".
Un club admirado, querido e respectado, independentemente da categoría deportiva na que milite, vé como semana a semana, día a día, o seu prestixio é arrastrado a consecuencia dos actos e actitudes dun señor que chegou como "salvavidas" e, se alguén non lle para os pés pronto, vai camiño de deixar ao club convertido nun soar, deportiva e socialmente falando.
Non me doen pezas en recoñecer que o Sr. Rodríguez fixo un traballo estimable nos seus inicios, que se comeu "marrons" importantes, que tivo que aguantar carros e carretas, ata que llo creu e, como as galiñas, empezou a desfacer co "pico" o que facía coas patas.
Presume de ter sacado ao club dun abismo, pero esquécese que foron outros os que puxeron os medios nas súas mans, aínda que non creo que eses outros estean en absoluto de acordo se chegan a coñecer a súa despótica forma de actuar, especialmente nos últimos tempos, nin os detalles máis escabrosos de como se conduce.
Ao Sr. Rodríguez puxéronllelas como o facían con Fernando VII, e aínda así a redución da débeda vén máis dada por xestión de terceiros que da propia, ao conseguir achegas privadas negociadas antes da súa chegada, e logo un concurso de acredores no que o "mérito" recae naqueles que tendo débeda decidiron aceptar a condonación ou a súa conversión en accións. Por certo, e para que ao interfecto non lle queden dúbidas, non creo atrévase a atribuírse o mérito no caso de Raúl López, precisamente, a cuxa firma nin sequera ousou asistir, pois sabía que a súa presenza non sería precisamente grata para o asinante.
Vai camiño dun ano, tras unha rocambolesca (pola súa actuación) xunta xeneral de accionistas, anunciou que marchaba. Xa entón tiña demasiadas frontes abertas. Convencéronlle para que seguise e fíxoo, aínda que apartándose da primeira liña en canto a manter a boca pechada. Pero chegou o play-off e reapareceu, non fose a ser que contra prognóstico o equipo ascendese e el non saíse na foto. Logo veu o partido de inauguración oficial de Pasarón e sentiuse importante. Relacionouse coas máis altas instancias do fútbol patrio e empezou o delirio.
O que vén despois é unha absoluta sucesión de despropósitos empezando pola rocambolesca historia da venda de entradas do partido de España (da repartición de pases, convites e demais, mellor nin falamos), que supuxo unha absoluta falta de respecto e sensibilidade cara ao socio granate.
Se a pasada tempada tivo problemas coas directivas doutros equipos como Cultural de Areas e Ordes, por citar algúns exemplos, esta tempada se supera. Empeza co vodevil da suspensión do partido de Villalonga, aos que remata acusando de "parroquianos" e esta mesma semana o menosprezo indirecto cara ao Alondras ao que considera por debaixo de "o seu nivel".
Aos afectados polas preferentes mándaos a estudar o regulamento FIFA (coma se el soubese o que é) e o seu comportamento é cualificado por eles de "chulo e prepotente". Aos xogadores ameázaos con botalos "aínda que sexa o máximo goleador", advertíndoos de que teñan coidado o que falan e con quen, todo iso para rematar dicíndolles nunha semana crave con tres partidos que tiñan que esperar ata non se sabe cando para cobrar, cando lles debe xa medio mes de novembro, decembro e con xaneiro ao caer.
Os balóns cos que adestra o equipo teñen máis buratos que o pantalón dun mendigo crónico. E rizando o rizo permite que a Cangas viaxe o equipo en vehículos particulares, algo do que non se recordan precedentes en partido oficial, tal que se fose o Pena Bora de veteranos do que logo falarei. Por certo, que tería pasado se un deles ten un accidente?.
Preocupado por selar bocas, non dubida en intentar que os medios de comunicación escriban só o que a el lle gusta, aínda que sexa utilizando para iso prácticas de mal gusto e peor estilo, as mesmas das que alardea poder utilizar para acalar tamén a firme oposición dunha gran parte da masa social.
Para maior gloria persoal ata recorre ao equipo de fútbol veterano no que xoga? e onde posiblemente aprenda as "charlas tácticas e técnicas" coas que obsequia logo o primeiro equipo do Pontevedra, nas súas visitas ao vestiario. Así cambia o nome de Pena Bora e rebautízalle como Pontevedra C.F. Eso si, o tiro sáelle pola culata e ten que regresar ao nome inicial porque bastantes son os que se cansan de aguantar as súas reprimendas no vestiario. Mesmo, nos primeiros tempos dese "nonnato" Pontevedra C.F. de veteranos, máis dun ex-xogador do Pontevedra, atraído pola posibilidade de agruparse baixo o nome dun equipo que levan dentro e do cal formaron parte, ao chegar e ver o "percal" volveron ao coche sen chegar a sacar a bolsa do maleteiro.
E mentres o prestixio do club cada vez máis pola lama, as bancadas cada vez máis baleiras e o Sr. Rodríguez que se en decembro repetía que se ía, tras finalizar o proceso concursal, segue aferrado á cadeira de brazos, coa xunta de accionistas sen convocar, sen ninguén no club que planifique o futuro e empece a suturar tantas feridas como quedan abertas, mentres o ínclito "aínda presidente"entre os seus íntimos fala de que necesita apoio para sacar adiante o proceso de ampliación de capital será que ten pensado seguir -Deus non o queira- máis tempo?.
Podería pensarse que todo isto é esaxerado, ou como se dicía en tempos do "ditador Franco" que se trata dunha "conspiración judeo-masónica" contra o Sr. Rodríguez, pero o mundo enteiro xeralmente non adoita estar equivocado. Cando un pide perdón, o seu xesto hónralle, pero cando ten que pedir perdón cada día, o que debe é facerllo mirar e corrixir o seu comportamento. O malo é que ultimamente ten endeusado tanto que xa nin pide perdón, só intenta que roden cabezas para manter a súa nun encastillamiento inexplicable.
E mentres non para de falar, exercendo de "bocachancla" (aclárollo para que non confunda o termo, que logo lle pasa como co título dunha anterior columna que el transformou na casa do "Rócame Troque"): Dise que quen fala de máis, alguén lingoreteiro, que adoita contar cousas que non debe ou diante de quen non debe e por iso mete a pata. Pero non só mete a pata, se non que consegue que as suas zafiedades cheguen aos oídos dos implicados.
Por iso remato recordándolle parte da letra da coñecida rancheira de José Alfredo Jiménez, que leva por título "No me amenaces, no me amenaces"...especialmente a parte do retrouso na que di: "porque estás que te vas y te vas y te vas y te vas y te vas y te vas y no te has ido..."
Todo iso para non parafrasear o celebérrimo retrouso utilizado por un político español de cuxo nome prefiro non me acordar: ¡Váiase, señor Rodríguez, váiase!...
21.01.2013