Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'Seique'
Seique é a nova obra literaria de Susana Sánchez Aríns. É un texto narrativo, pero nel apréciase con claridade a vocación poética da autora, que publicara con anterioridade tres poemarios.
Moitas veces lemos por entretemento, por desconexión. Outras veces queremos ir máis alá, e lemos co obxectivo de acadar algo a cambio, de aprender, de obter novas experiencias. Pero este libro transcende, porque deixa pegada en quen o le. Pódese asumir ou pódese evitar o tema, pero na familia de cada persoa houbo quen se viu implicado durante a guerra civil. Este texto non é outra novela máis sobre o conflito bélico, senón unha abordaxe persoal á procura de si mesma.
GFDL Adrián Estévez Iglesias
A partir duns feitos históricos preséntanse os personaxes protagonistas, familiares da autora. Comeza entón un proceso de procurar e descubrir información, no que a escritora quere coñecer a relación entre a represión cometida a raíz da guerra civil española, e os sucesos vitais dos seus antergos. O proceso de escrita aparece recollido nunha reflexión metaliteraria, cunha evolución cronolóxica onde se aprecian os avances producidos. O texto é ao tempo unha investigación histórica dos feitos acontecidos, pero tamén un exercicio reflexivo sobre a historia persoal e familiar.
É un libro valente, porque procura a Verdade. Non ten medo a pór os puntos sobre os is, non ten medo á hora de alumear as tebras, porque sabe que a verdade forma parte do camiño cara á liberdade. Seique é un libro valente, pero tamén prudente, virtude esta que aparece desde o propio título. O seique do título pode suxerir incerteza, ou mesmo frustración por non chegar a coñecer con seguridade o que realmente sucedeu.
Trátase dunha narración en primeira persoa, cun recoñecemento cara á literatura oral, pois foi a través de diversas conversas -xunto con interesantes consultas á prensa da época- como se recuperou moita da información. Deste modo a autora reivindica a estoria como xénero de seu, como relato oral memorístico. Aparece tamén un coro, de reminiscencias clásicas, que axuda a empacar a historia e a referendar o contado coa aprobación do colectivo. A trama aparece secuenciada en fragmentos de múltiple forma. Os relatos curtos, máis narrativos, describen en ocasións imaxes inesquecibles que fican gravadas na retina. As narracións van acompañadas de coplas populares ou refráns, reformulados de modo recorrente. Cada unha destas secuencias ten un título de seu, breve pero intenso.
No libro teñen unha importancia maiúscula os nomes propios. Os nomes de lugares e os nomes das persoas definen o onde e o quen. Como deixou escrito Iris Cochón, a análise da onomástica na literatura permite afondar na relación entre suxeito e texto, entre autoría e identidade. Recentemente a autora colgou no seu blog unha ligazón a Google Maps onde aparecen indicados os lugares en que discorre a acción, amais dunha árbore xenealóxica dos protagonistas. Deste xeito, os topónimos e antropónimos convértense en espazos e persoas reais, afastándonos dunha obra de ficción.
CC Através editora
Ao cabo, un dos obxectivos de pór nome aos personaxes é sacalos do esquecemento. Existe un posicionamento á hora de nomear as vítimas e os culpables. Fronte á impunidade da brutal represión, resta só darlle dignidade ás primeiras e evitar que os segundos fiquen como figuras anónimas. Non eran só membros da Falange ou da Garda Cívica; eran tamén irmáns, fillos e veciños.
A muller ten un papel central neste libro, como medio para chegar á historia e como protagonista da mesma, como obxecto da represión e como suxeito de seu á procura do coñecemento.
Seique (Através Editoria, 2015)
192 páxinas. ISBN: 9788487305337