José Freire
Servizo público
Este domingo, día 27 de xaneiro, con motivo do cabodano do falecemento de tres policías na Praia do Orzán, o Concello de A Coruña inaugura un monumento dedicado aos xa coñecidos como Os Heroes do Orzán, que, en verbas do Alcalde da Cidade herculina, quere significar un símbolo de xenerosidade e recoñecemento ao servizo público.
Eran policías e como policías morreron. Facendo honor ao seu xuramento/promesa de protexelas liberdades, a seguridade e a vida dos cidadáns, arriscando a vida propia si fose necesario. José Antonio, Rodrigo e Javier, demostraron nun acto xeneroso e heroico a servidume desta profesión. Non ignoraban o risco que corrían. Sabíano. Pero era o seu deber e cumprírono. Non hai mellor forma de morrer que intentando salvala vida a outra persoa. ¡Que gran exemplo!. Nesta sociedade trufada de corrupción, de corruptos, hipócritas, cínicos e mentireiros, estes tres compañeiros cumpriron co seu deber sabendo que corrían o risco de perdela súa vida.
Eles xa non sofren; as súas familias sufrirán sempre, e os seus compañeiros/as temos un exemplo de vida, de profesionalidade, de sacrificio, para facernos reflexionar sobre as cousas que de verdade importan, sobre a nosa profesión, sobre o cumprimento do deber ata as últimas consecuencias.
Pero para prestar un mellor servizo público necesitamos as ferramentas necesarias. Esta crise económica na que España está sumida dende fai xa varios anos está sendo xestionada de xeito deficiente polos sucesivos responsables políticos. Como noutros campos, no ámbito da seguridade, o actual Goberno está tomando decisións erráticas, xa que a necesidade de controlalo gasto público estase traducindo nunha política de perda do número de efectivos, e a súa substitución por seguridade privada; recortes nas condicións laborais, retributivas e sociais dos empregados da seguridade pública; e na redución do mantemento de equipos e vehículos alargando a súa vida útil ata extremos que os fan practicamente inservibles (por exemplo, a non reparación de vehículos e embarcacións destinadas a unidades vitais, como as que se dedican a loita contra o narcotráfico ou a inmigración irregular, está facendo perigar seriamente a eficacia das mesmas).
Esta política de xestión só pode contribuír ao colapso do sistema policial.
Ante este estado de cousas é necesario reaccionar, analizar e comezar a tomar as decisións que sexan necesarias para poñer fin a estes desaxustes, porque existen outras formas de poñer en marcha un sistema de seguridade que sexa máis racional, eficaz e útil para os cidadáns no século XXI.
¡ Oh Deus, que bos vasallos se houbese bo señor!
27.01.2013