Ramiro Espiño
O "efecto Urdangarín"
Para aqueles lectores que, atraídos polo título desta columna, pensen que vou falar do "caso Noos", ou da Casa Real, lles aviso a tempo, agora que só comezaron a ler, que non perdan o seu tempo, abandonen a lectura e vaian a outros contidos que poidan ser do seu interese neste mesmo xornal dixital; seguro que encontrarán firmas máis doutas en materias máis sesudas; que o dun, humildemente, é o deporte (aínda que non só) e bastante teño con iso.
Claro que de cando en vez fago os meus "piniños" noutros apartados da vida, a política, as artes ou os negocios, á fin e ao cabo opinar é gratis, un se desafoga deixando correr os dedos polo teclado e ninguén está obrigado nin a lerche nin a compartir opinión. Pero non será este o caso nin a ocasión.
Falarei de Urdangarín, si, pero non do Duque de Palma e as súas cuítas coa xustiza. Porque, a pesar de que quizais moitos o esquecesen, houbo un tempo en que, o por entón chamado só "Iñaki", era simplemente un deportista, bo mozo el, co que mesmo algúns compartimos algunha que outra copa, a golpe de "sábado nuit", por Pontevedra, despois de máis dun partido do "seu" Barcelona, co "noso" Teucro.
Ademais, toca falar de balonmán. Está de moda tras a fazaña dos auto-alcumados "Hispanos". Campións do Mundo varrendo os orgullosos daneses (esperemos que o danés que nos visitou o sábado para decidir a sede do europeo de piragüismo non se vingue, que viña el moi chuliño facendo pascuas antes de ramos). Case non se falou doutra cousa o domingo, se deixamos a un lado o "hat-trick" de Cristiano e a resposta do "anano" azulgrana en forma de poker.
Si. España campioa do mundo de balonmán. Por segunda vez na súa historia e de que forma. O malo é que moito me temo (e gustaríame equivocarme) que pasada a euforia, en menos dunha semana o balonmán volverá ao canto do esquecemento ata o próximo campionato en que os nosos fagan unha nova proeza deportiva. Así pasou co "efecto Urdangarín", así pasou co anterior mundial que os nosos gañaron en Túnez-2005.
Entón, cando se soubo que "Iñaki" gañara algo máis que o Bronce en Atlanta-96, logo revalidado en Sídney-2000, xa coa súa "Real" relación de dominio público, o balonmán español perdeu unha ocasión inmellorable para aproveitar o tirón mediático e publicitario que iso significaba. A ineptitude dos seus dirixentes, cuns calendarios absurdos en plan "guadiana" e unha nefasta xestión económica, botaron polo sumidoiro a opción de converter a este belo deporte nun espectáculo de masas.
E nesas seguimos. A Liga Asobal é cousa de dous. Entre eles xóganse o título, cos demais de comparsas. Mentres, a chamada División de Honra Prata (por que narices non lle chamaremos ás cousas polo seu nome para que os profanos se decaten?), malvive con só 12 equipos, algúns dos cales non alcanza nin o nivel do que non hai moito sería unha categoría provincial ou territorial. Con estes vimbios, o sucedido no Mundial é pouco menos que un milagre atribuído a un excepcional grupo de deportistas e mellores persoas. Eles e só eles son os artífices dunha xesta marabillosa que non debería caer en saco roto.
Os "Hispanos" deron exemplo de que sen ter os mellores xogadores se pode ter o MELLOR EQUIPO, ensinando o camiño para os que veñan detrás (e non só no balonmán). Esperemos que este ensino non se perda, polo ben deste deporte, como no seu día se deixou perder o "efecto Urdangarín" e os éxitos deportivos que o seguiron.
E non quero rematar sen unha nota cargada de nostalxia local. Neste equipo de "hispanos", guerreiros irredutibles, había ata tres ex-teucristas: dous na pista, como Gedeón Guardiola e Viran Morros, é un terceiro ao que unha lesión apartou do sono do seu segundo mundial, como "Jota" Hombrados, que en breve pode pasar a presidir a Federación Española. Del esperamos que por ser "cociñeiro" antes que "frade", achegue a sensatez e ben facer que necesita este deporte.
Tres grandes que gozamos no noso pavillón, nas filas dun Teucro que por entón enchía as bancadas. Tres grandes como outros dos que me acordo agora con nostalxia: Dejan Peric, Stefanovic, Rajic, Jordi Fernández, Rasic, Ferenc Füzesi, Bruno Martiní, Yuri Gavrilov, Salva Esquer, David Davis, Chus Barbón, Pasqui, Gaby Ben Modo e un longo etcétera. Eran outros tempos, botados a perder tamén pola incompetencia de dirixentes que deixaron ao club ao bordo da quebra.
ÿ o momento do balonmán. Que non se perda este novo "efecto Urdangarín" aínda que o nome do Duque xa case ninguén queira nin o recordar.
28.01.2013