Manuel Pérez Lourido
Cara de parvo
Enganábase o Bloque, aló polos anos setenta, cando dicía aquelo de que "a autopista é unha navallada para Galiza": foi unha navallada tras outra. Agora mesmo, cando tiras cara Rande, espérate no camiño Curro Jiménez co seu trabuco. E dentro de pouco xa nin eso: só haberá máquinas expendedoras de cabreo. Audasa é unha empresa cunha clara vocación transformadora. Modificou a paisaxe galega e a comunicación da franxa costeira e tranforma cada día a faciana dos seus usuarios, aos que se lles pon cara de parvos nada máis cruzar certos peaxes.
Algunha xente, xa farta, decidiu cambiar o tramo de autopista Pontevedra-Vigo por unha visita ao museo das rotondas que puxeron por Vilaboa en adiante. Estou por apostar que as construiron presionados pola concesionaria da autopista: para que puideras, a cada pouco, dar a volta e coller aquela. Cada xiro estache a berrar que aínda estás a tempo de volver ao rego. Para os veciños daquela zona debe ser un espectáculo divertidísimo, como ter un scalextric pero de verdade.
Agora a ministra de Fomento anunciou un acordo con Audasa para fomentar o uso da autopista por parte dos descarriados usuarios das rotondas. Bueno, non se dixo así exactamente porque que se che poña cara de parvo na autopista non quere dicir que o sexas. Trátase de pagar só unha das viaxes se cumples unha serie de condicións. A de poñer un aparello deses que che permite arremeter contra a valla do peaxe pero sen esnafrarte porque no último momento se levanta é unha delas. As outras non me lembro nin falta que fai, eu vou seguir desfrutando das rotondiñas de Vilaboa e Cobres (se ata os topónimos o din todo). Coa cara de parvo que queden outros.
30.01.2013