Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'O seminarista'
O seminarista é unha novela negra do autor brasileiro Rubem Fonseca. Está ambientada na cidade de Rio de Janeiro, e foi publicada en 2009, cando o autor tiña xa 84 anos.
A obra está narrada en primeira persoa por Zé. O primeiro parágrafo é unha declaración de intencións no que o protagonista deixa claro o que é importante (as persoas) e o que é circunstancial (o seu traballo como asasino a soldo). Para Zé, matar é simplemente parte da rutina laboral, mais está canso. Logo de dedicarse un tempo a matar xente por encargo, Zé decide xubilarse, malia non ter aínda corenta anos, e desfrutar das súas paixóns: ler poesía, ver filmes e escoitar rock. Afortunadamente a súa vida cambia cando coñece a Kirsten. Con ela nacen novas paixóns, e ao goce do sexo pracenteiro únese o gusto pola gastronomía.
A trama é moi sinxela: hai só seis personaxes principais. Como no resto de obras de Fonseca, o pasado dos personaxes non está moi desenvolvido. Como chegou Zé a se converter en asasino? O certo é que non importa; o importante son as relacións humanas, o amor e a traizón como medida das cousas.
Explica cal era o seu método de traballo e os seus escrúpulos: logo de que lle indiquen a vítima, execútaa de forma profesional, sen remorsos, sen preguntas e sen vacilacións, desentendéndose do caso en canto o remata. No seu traballo era o mellor, e por iso o coñecían como O Especialista. Fala tamén do seu pasado como seminarista, do que conserva o gusto polas citas en latín de autores clásicos.
As citas son de personalidades da relixión como Santo Agostiño, mais tamén de autores clásicos como Horacio, Virxilio ou Cicerón. Este punto intelectual compleméntase ao intentar relativizar a morte en base ás lecturas de Kant, Nietzsche ou Freud, mais sen lle atopar xustificación ao feito de asasinar, apropiarse da vida allea. Hai tamén referencias a autores da literatura brasileira, como Lima Barreto.
A acción desenvólvese arredor do personaxe principal, con numerosas analepses ao pasado. Malia haber unha linguaxe directa, hai tamén espazo para as escenas cotiás, como a visita ao dentista. O fío narrativo é en certo modo cinematográfico. Os diálogos son dinámicos e sen moitos requintes, con linguaxe popular. Aparece descrita a vida social de Río de Janeiro, desde a vida nas favelas até os novos ricos, afeitos a xogar ao golf como forma de escala social e acostumados a beber viños ricos sen saber saborealos.
Rubem Fonseca, fillo de portugueses emigrados a Brasil, licenciouse en Dereito, e mentres traballaba como policía fixo estudos de Psicoloxía. No ano 2003 recibiu o Premio Camões, máximo recoñecemento das letras portuguesas.
O Seminarista (Agir, 2009)
180 páxinas. ISBN 9788522010646