Tribuna Viva
Consideracións sobre a Variante de Marín
Desde a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, a raíz da problemática xurdida pola alta sinistralidade que existe na variante de Marín (VG-4.4), entre Mollabao e Ardán, e a alternativa de proxectar o seu desdobramento en autovía, quixeramos aclarar, puntualizar e sinalizar algúns aspectos, ao noso pensar, importantes.
A variante de Marín, malia nun primeiro momento ser ideada como parte do corredor do Morrazo, coa posibilidade do seu desdobramento no futuro, finalmente foi proxectada e construída en dúas fases como a circunvalación de Marín e, xa que logo, a alternativa de reconvertila en autovía implicaría facer unha nova exposición pública, unha nova declaración de utilidade pública e a expropiación forzosa dos terreos necesarios.
Este desdobramento incrementaría o impacto paisaxístico, cultural e ambiental -cortes profundos en relieve no solo e subsolo, desterros, recheos, viadutos, perda de capa vexetal e de solo fértil, alteración das capas freáticas e afección de mananciais de auga potábel, efecto barreira para a fauna, a flora e a propia accesiblidade humana, afección directa e indirecta ao patrimonio cultural e arqueolóxico- producido no territorio nas anteriores fases de construción da propia variante, afectando a solo rústico de especial protección forestal, agropecuaria, de augas, patrimonial e de espazos naturais das concas dos regos de Louredo, Lameira e Loira xunto cos seus fértiles vales, nas parroquias de Lourizán, Salcedo, San Xulián, O Campo, Seixo e Ardán.
O posíbel desdobramento, para alén de provocar un efecto chamada, non resolvería os problemas de siniestralidade –pois canto máis tráfico exista nunha estrada, maiores son as posibilidades de accidentes- e trasladaría o problema dos engarrafamentos, sobre todo no verán, á rede de estradas primarias e secundarias, onde emboca esta variante. Cómpre sinalar neste sentido que esta variante remata en Ardán, na estrada PO-551, e esta á súa vez noutras estradas menores ao longo do seu percorrido pola costa morracense, en especial, dos concellos de Marín e Bueu.
O incremento do tráfico nas estradas, faría crecer ao mesmo tempo os episodios de contaminación acústica e atmosférica, pola xeración de grandes emisións de gases de efecto estufa, principalmente de dióxido de carbono, contribuindo á mudanza climática global, e de partículas en suspensión, dióxido de nitróxeno e ozono troposférico, provocando e aumentando o número de patoloxías sufridas polas persoas da nosa propia especie humana.
Cómpre sinalar que se a variante non se proxectou no seu momento como un corredor non foi, como se dixo nalgún medio de comunicación, porque afectase a Rede Natura, pois esta rede europea de espazos naturais protexidos non ten ningún territorio afectado por este trazado. Sendo a causa máis probábel desta decisión, cuestións técnicas e principalmente sociais e económicas, pola complexidade e o alto custe das obras realizadas con cartos públicos.
Neste sentido, tampouco hai que esquecer que, debido precisamente á escaseza de fondos públicos, o proxecto do desdobramento do corredor de alta capacidade do Morrazo estase a demorar e realizar por subtramos, sendo as únicas beneficiadas destas obras as grandes empresas privadas ás que se lle adxudica a fase de construción, e xa veremos se tamén a xestión e mantemento con peaxe, sexa de xeito directo ou indirecto.
Por todo isto, para a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, ao igual que está a suceder co proxecto de desdobramento do corredor de alta capacidade do Morrazo, o desdobramento en autovía da variante de Marín sería unha obra moi custosa e inútil, que non resolvería os problemas de seguridade vial, produciría un meirande impacto ambiental e paisaxístico, máis problemas de capacidade e atascos na rede viaria comarcal, máis contaminación acústica e atmosférica e ademais restaría investimentos noutras alternativas viarias máis sustentábeis.
Esas alternativas máis sustentábeis, á parte da mellora sen necesidade de desdobrar do trazado actual da variante coa colocación de medianeiras, sinalizar correctamente os puntos máis conflitivos e mellorar o peralte da estrada – medidas que xa reduciron, cando menos en parte, a alta siniestralidade do corredor do Morrazo- e a educación vial, serían as de vertebrar, mellorar e humanizar a rede viaria xeral existente, e, en especial, a de desincentivar o uso do automóbil privado para, a cambio, potenciar os investimentos e dotacións o uso do transporte público, colectivo e intermodal de proximidade, os carrís bici e as sendas peonís.
A Plataforma lamenta que, a costa das desgrazas humanas nas estradas, como neste caso da variante de Marín, se aproveite unha vez máis para facer campaña mediática, política e electoral, en favor dun tipo de infraestruturas e dun modelo de transporte viario, a nivel estatal e autonómico, insostíbel e que ao longo das últimas décadas, deixaron un regueiro de mortes e minusvalías físicas e psíquicas humanas, que superan con creces a calquera outra causa, sexa civil ou bélica.
Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo