Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'Feminismo para principiantes'
Feminismo para principiantes é un ensaio da xornalista asturiana Nuria Varela, publicado en 2005. No prólogo, a escritora Espido Freire dá tres razóns para ler este libro: porque complementa textos anteriores, porque revela unha verdade oculta, e porque achega reflexión e aprendizaxe.
Como o propio título indica, trátase dun volume con propósito divulgativo, escrito cun ton didáctico e sinxelo para persoas non especializadas en absoluto no tema, pero que mantén o rigor necesario.
Quizais resulta interesante comezar polo capítulo final: prexuízos e tópicos. Porque aínda son moitos os mitos arredor das loitas feministas que levaron á súa minusvalorización, á súa invisibilidade. Pero só son iso: prexuízos e tópicos, e é importante ser consciente diso. A invisibilización da loita e os micromachismos diarios contribuíron a perpetuar unha visión interesada, que procura ridiculizar e silenciar o feminismo.
A primeira pregunta a responder é clara: que é o feminismo? E xa entón entendemos que non é unha cuestión sinxela, pois non hai un só feminismo, e hai moito prexuízo latente. Xa que logo, procede ter unha perspectiva histórica do feminismo: desde os antecedentes no Renacemento e as primeiras protestas na época da Ilustración e a Revolución Francesa, pasando polos movementos das sufraguistas e as teorizacións de autoras como Emma Goldman e Simone de Beauvoir, até a actualidade, na que conviven diferentes perspectivas.
Pero cal é o problema coas perspectivas históricas? Que tradicionalmente a historia non foi contada por mulleres, senón polos homes triunfadores ligados ao bando vencedor. O home foi de sempre a medida de todas as cousas, o que levou á creación do patriarcado e o machismo. Pero que son o androcentrismo, o patriarcado, o machismo e o sexismo? Pois tamén vén explicado, claro.
E isto lévanos aos seguintes capítulos: o poder, a economía e a globalización. O papel da muller na procura da igualdade, a invisibilidade do traballo doméstico e a mercantilización do corpo feminino. E o tema da prostitución leva á violencia machista, que abrangue desde a violencia de xénero á ablación. O corpo feminino como obxecto, como botín, como máquina de dar a luz sen dereito ao pracer, que debe adaptarse a uns clichés publicitarios. E seguindo co corpo feminino, é interesante saber que os fármacos adoitan ser probados en homes coa escusa de que así se evitan danos ao feto, pero isto provoca que causen moitos máis efectos secundarios ás mulleres.
É interesante tamén ver o papel da muller na cultura. As voces femininas ou a ausencia delas nas diversas culturas. Porque un dos valores deste libro é que conta con diferentes visións. A autora viaxou por todo o mundo, o que evita unha visión eurocentrista que achega novos puntos de vista. E outro capítulo curioso, especialmente para os homes, está adicado á masculinidade. Somos conscientes de que existe a identidade masculina? Somos conscientes de que existen outros modelos?
O libro remata con varios documentos anexos, desde a Declaración dos Dereitos da Muller e a Cidadá que redactou Olimpia de Gouges en 1791, até a Convención sobre a eliminación de todas as formas de discriminación contra a muller, aprobada pola ONU en 1979. O texto está acompañado de numerosas citas bibliográficas, o que permite á persoa lectora poder consultar novos volumes e coñecer autores e autoras para poder seguir ampliando o tema.
Recomendo a lectura deste libro a toda persoa coa mente aberta, xa sexa para resolver dúbidas, para acadar un novo punto de vista ou para ampliar coñecementos.
Feminismo para principiantes (Ediciones B, 2008)
416 páxinas. ISBN 9788466639095