Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'Las aventuras de Joselito'
Las aventuras de Joselito, el pequeño ruiseñor é unha novela gráfica do ilustrador malagueño José Pablo García. Unha biografía en formato cómic que serve de homenaxe ao neno que acadou sona como cantante e ao home que despois viviu mil vicisitudes.
Co transfondo da vida de Joselito, o autor fai un exercicio de experimentación co xénero ao mudar o estilo gráfico en cada capítulo. Xoga co trazo, as cores e a composición para recrear diferentes rexistros. Desde o caderno de aventuras da década de 1950 da época da infancia de Joselito pasando polo formato de humor de Brugera, a revista Codorniz e Francisco Ibáñez, até o popart, o underground, a escola francobelga ou o estilo persoal de autores como Jack Kirby, Daniel Clowes ou mesmo o considerado pai do manga, Osamu Tezuka. Con este amplo rexistro convídase á persoa lectora a entrar no xogo de recoñecer as diferentes referencias.
A biografía de Joselito comeza nunha familia labrega. Joselito é un neno de aldea, coma quen dis, un ninguén, que en pouco acadou o éxito como estrela infantil en diversos países. Comezaron así as viaxes que o levaron a actuar na sala Olympia de París, no show televisivo de Ed Sullivan, nos hoteis da Habana durante a revolución cubana, ou nunha recepción privada co papa Xoán XXIII. Axiña deu o salto ao cinema, e comezou a traballar para a produtora Suevia Films, do empresario vigués Césareo González.
O franquismo creou varias iconas de neno prodixio, historias que pretendían amosar a capacidade para saír da miseria a través da autarquía cultural, pero que escondía a manipulación e explotación a que eran sometidos polos seus representantes.
Mais ao facerse un home cambioulle a voz, e o seu éxito cesou. Joselito sentiuse estafado e enganado, e decidiu mudar de vez.
Marchou gañar a vida como cantante a Angola, onde acadara certa sona cando o país era colonia portuguesa. En plena guerra civil angolana, comezou unha etapa como cazador, aínda que foi acusado de mercenario. De regreso en España levou unha discoteca da Ruta del Bakalao, e problemas coa cocaína levárono a acabar en dúas ocasións no cárcere. Esquecido polos medios, soubo recuperar o cariño do público a través dun reality, La isla de los famosos.
A pluralidade de estilos que amosa o autor desta obra pretende ser parella á capacidade de Joselito para reinventarse e mudar o seu rexistro. Unha versatilidade vital ligada ao instinto de supervivencia e as ganas de tirar para adiante.
Nesta novela gráfica apréciase o moito cariño e devoción con que está feita, que busca afastarse dos prexuízos para amosar o lado humano deste xoguete roto do país de pandeireta do réxime franquista. A obra está prologada polo mediático Jorge Javier Vázquez, quen coñeceu a Joselito na televisión. Neste sentido, Las aventuras de Joselito ten un punto posmoderno que procura xogar e experimentar coa cultura pop. Tumba iconas e mitos e adapta a linguaxe para achegar a persoa a unha nova xeración, sen renunciar ao aprecio polo personaxe. Ao cabo, Joselito foi un referente cultural dunha xeración, e non podemos negar nin debemos renegar dos referentes culturais.