Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'Sin noticias de Gurb'
Sin noticias de Gurb é unha novela do autor barcelonés Eduardo Mendoza. Foi publicada por entregas no verán de 1990 no xornal El País, e editado como libro en 1991. A novela é unha diversión sen maiores pretensións que parte dunha trama sinxela e en certo modo absurda: un extraterrestre aterra preto de Barcelona e intenta contactar co seu compañeiro de expedición, Gurb.
A partir de aí sofre diversas peripecias e familiarízase cun espazo e un tempo que lle resultan totalmente alleos. Esta trama serve de base para facer unha crítica satírica á Barcelona preolímpica. Unha visión desde un punto de vista externo da sociedade consumista emborrachada de cartos logo da entrada de España na Unión Europea, que deixa de lado a calidade de vida ante o afán de especulación. Un frenesí de atascos, obras, polución e competitividade, fronte á vida tranquila da taberna costumista que Eduardo Mendoza parece botar en falta.
Barcelona é o espazo literario no que se desenvolve a obra do autor. Ao respecto, quizais a súa obra máis barcelonesa sexa La ciudad de los prodigios, retrato da cidade entre 1888 e 1929. Mais Sin noticias de Gurb se cadra parécese máis á saga protagonizada polo detectivesennome, até o momento formada por catro novelas: El misterio de la cripta embrujada (1979), El laberinto de las aceitunas (1982), La aventura del tocador de señoras (2001) e El enredo de la bolsa y la vida (2012). Tanto nestas catro obras como en Sin noticias de Gurb, hai un narrador pouco convencional que conta a súa historia en primeira persoa.
A trama está contada en forma de diario ao longo de quince xornadas. O extraterrestre vai narrando un informe cronolóxico, e este punto de vista externo e neutral crea un distanciamento que dá verosimilitude ao relato. Ao cabo é unha novela de viaxes, pero máis alá das grandes epopeas ou aventuras da historia da literatura, esta é unha exploración de dous cronistas que se introducen en territorios non explorados. Conta con elementos arquetípicos do relato de ciencia ficción, partindo da aterraxe inicial, e introduce o teletransporte, as viaxes interestelares e mesmo a transmutación. Mais esta perspectiva permite abordar os disparates máis surrealistas, que provocan situacións hilarantes tratadas coa maior naturalidade. Ao cabo, o protagonista remata por introducirse na vida social até o punto de variar os seus hábitos de vida e comportarse como un humano, consciente das virtudes e defectos da nosa raza.
A obra está inzada de referentes culturais do seu momento: desde Marta Sánchez a Cobi, pasando polo President Puyol, a parella Isabel Preysler Miguel Boyer, ou a selección española de fútbol adestrada polo coruñés Luís Suárez. Mais hai tamén un relato sobre as desigualdades sociais cotiás enfocada nos barrios de Barcelona, ao confrontar San Cosme con Pedralbes. Hai tamén unha crítica latente ao mundo cultural do momento, empobrecida e corrompida. Neste sentido hai elementos esperpénticos, pois o autor deforma a realidade para achegar un novo punto de vista da degradación vivida.
Mendoza consegue así crear unha novela divertidísima, case un retrato xornalístico de verán. A obra foi reeditada en numerosas ocasións e traducida a diversas linguas, entre elas o galego (tradución de Antón Lado para 2.0 editora, 2010).