Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'El camarero'
El camarero é unha novela do escritor ruso Iván Sergevich Shmelev, publicada en 1911. Conta a historia dun pai de familia moscovita de comezos do século XX, e as súas vicisitudes para sacar a familia adiante. Así comeza o texto:
Son un home pacífico e acostumado a dominarme; non en van levo trinta e oito anos de camareiro.
O protagonista é un home relixioso, camareiro nun restaurante con boa reputación, que traballa explotado con xornadas interminables e un salario mísero. É pai dun rapaz que se prepara para entrar na universidade e dunha rapaza adolescente que estuda no instituto. O fillo avergónzanse de ter un pai servil e criado, e a filla avergónzase de vivir nunha familia pobre. É importante o matiz: o fillo non quere verse sometido, e a filla quere integrarse na alta sociedade. Xa que logo, o pai está frustrado por unha vida de traballo sen froitos, e o seu soño é ver os fillos independentes e coa vida resolta. Estes problemas familiares vense acrecentados polo drama dun inquilino a quen subarrendan unha habitación da vivenda.
A obra está ambientada en Moscova en 1904, durante a guerra ruso-xaponesa, antes da revolución de 1905. Malia as prohibicións manifestas, como a de falar de cuestións políticas, os movementos socialistas están latentes tanto no ámbito laboral (formación dun sindicato polos traballadores do restaurante) como no ámbito estudantil (difusión de lecturas prohibidas por parte do fillo). Esta situación leva ao pai a unha transformación persoal, derivada dos cambios vitais, que asumirá con certa resignación.
A obra está escrita en primeira persoa cun narrador-protagonista. O personaxe principal, un antiheroe, dános un punto de vista subxectivo e interpreta as accións dos demais personaxes. Mais é unha narración directa e centrada na acción máis ca nos pensamentos, lonxe do monólogo interior que por entón comezaba a ter certa acollida en autores como Marcel Proust, Virginia Woolf, James Joyce ou o noruegués Knut Hamsun -Nobel de Literatura en 1920-, quen falou tamén da pobreza.
Schmelev (1873-1950) pertence á última xeración de escritores do realismo ruso antes da chegada das vangardas. A obra foi publicada pola editorial Znanie, por entón dirixida por Maxim Gorki. Schmelev mantívose afastado do modernismo e o futurismo que renovaron a literatura trala chegada da revolución. A súa obra está marcada polo retrato da clase obreira, xa sexa campesiña ou como neste caso urbana. Narra o vivir pesaroso e triste dos "oprimidos e ofendidos", como os denominaba Dostoievski.
A obra foi levada ao cine en 1927 da man do director Yákov Protazánov no filme Человек из ресторана, con Mikhail Chekhov como actor protagonista. O filme pon o foco na transformación política do protagonista, e está ambientada en 1916 e 1917, antes da revolución que trouxo o réxime soviético.
A novela foi publicada en 1920 por Calpe, na súa colección Universal. Foi levada ao castelán por Nicolás Tasín, tradutor tamén doutros autores rusos como Chekhov ou Andreiev. O título orixinal da obra é Человек из ресторана [Chelovek iz restorana], "O home do restaurante". Aínda que non é unha tradución directa, senón a través do inglés (Tasín tamén traduciu ao castelán autores como William Faulkner), conta cun léxico popular e rico, con numerosas expresións do castelán da época en que foi publicada.