José Freire
Suicidio
Que no seo da nosa sociedade existen moitas formas de violencia é unha evidencia. Tamén o é que algunhas teñen unha clara incidencia na nosa vida cotiá, ante as cales, posiblemente pola súa abundancia, desenrolamos unha especie de anestesia emocional.
De aí o por qué nos vamos a preocupar dunha realidade, como a do suicidio, que cuantitativamente ten menos peso, por exemplo, ca os accidentes de circulación. Pouco importa que o número de casos recoñecidos oficialmente como suicidios sexan moito menor que a cifra real.
Lamentablemente, tras este tipo de distanciamento, de actitude, non parece residir a aceptación do feito en si, na súa traxedia e incerteza. A nosa cultura, o noso entorno máis inmediato, nos mesmos, amosámonos reticentes a aceptar algo que é inevitable, como tal.
Esta reflexión ven a conto do aumento de casos de suicidio detectados entre os membros dos corpos e forzas de seguridade, e máis concretamente na Policía Nacional. O derradeiro caso coñecido a pasada semana, en que, un inspector de policía, quitouse a vida coa súa arma regulamentaria, tras pecharse, durante oito horas, nun restaurante, sen que frutificasen os intentos dos negociadores e psicólogos para evitalo.
Segundo cifras publicadas polo Sindicato Unificado de Policía, durante os últimos 16 anos, 136 membros da Policía Nacional quitáronse a vida. E no ano 2015 foron 13 policías os que decidiron poñer fin á súa existencia neste mundo, catro máis que no ano anterior. No que vai deste 2016, rexistráronse 4 casos.
Resulta necesario falar publicamente deste asunto para que se tome conciencia dun grave problema que afecta a quen, en moitas ocasión, ten que tratar de salvar a un presunto suicida. E tamén para concienciar á Dirección Xeral da Policía do problema e demandar unha maior implicación, por exemplo, coa creación de protocolos de prevención dirixidos a detectar precozmente os casos de funcionarios dispostos a rematar coa súa vida.
Sabemos que non é doado, porque a maior das supostas causas que o orixinan non teñen nada que ver coa actividade profesional. Máis, outros corpos de seguridade que contan con sistemas de detección e grupos de psicólogos dispoñibles de xeito permanente, viron reducidos estes casos.
Son consciente que salvar a un presunto suicida aseméllase ao mito de Hércules, abocado a resolver retos xigantescos. Pero Hércules era un persoeiro divino e nós somos de carne e oso.
Resulta realmente difícil salvar a un suicida xa que ten todo o tempo do mundo para intentalo e, xeralmente, fano máis dunha vez. Asemade, se non foi quen a introducir outros tipos de trocos na súa vida, sen recorrer ao mecanismo suicida, cabe preguntarse ¿por qué os vai atopar tras un intento de suicidio?. Posiblemente nos quedaremos tranquilos pensando que, dado o dramatismo posto en escena, conseguirá algo, máis non é tarefa fácil que un troque por se mesmo sen axuda.
E a Policía non so non ofrece esa axuda, senón que segue sen recoñecer o problema. E namentres, crece o risco de que os casos vaian en aumento.
Total, que máis lles dá.