Francisco Freire Vila
Craniofarinxioma con metástase
Craniofarinxioma: tumor en forma de quiste que se manifesta clinicamente antes dos 15 anos de idade como consecuencia do seu crecemento. Os seus síntomas son náuseas, apatías, desequilibrio na marcha, entre outros. Nos nenos produce un atraso do desarrollo físico e intelectual, defectos visuais e cefalea. Nos adultos as manifestacións máis frecuentes son, entre outras, somnolencia e confusión mental. O tratamento, de tipo cirúrxico, consiste na aspiración do contido do quiste e a extracción completa da cápsula pero tamén pode ser de quimioterapia ou radioterapia. O prognóstico depende do éxito obtido con este procedemento, da súa precocidade e da súa capacidade de recuperación dos danos producidos.
Na nosa democracia o craniofarinxioma chámase corrupción e manifestouse clinicamente antes dos 15 anos de idade da democracia co caso dos fondos reservados, o caso Filesa ou o caso Roldán e chega ata os nosos días con máis intensidade dado o seu crecemento. Os síntomas deste tumor é unha sociedade con cadros de noxo e repugnancia ante os acontecementos pero tamén de apatismo e cun gran desequilibrio na marcha seu sistema económico. Nos nenos produce un serio fracaso escolar dada a mala xestión do sistema educativo e na maioría dos adultos provoca somnolencia ou confusión mental, por iso permanecen cegos e alleos aos acontecementos, aínda que a outros lles causa fortes cefaleas. O tratamento máis efectivo é o cirúrxico pero non dispoñemos de cirurxiáns óptimos e valentes para extirpar de raíz o tumor. Algúns só se atreven a aplicar tratamentos de quimioterapia e ás veces de radioterapia que non evitan que o tumor reapareza de novo ou mesmo con máis forza.
Pero o preocupante é que xa se chegou á metástase corruptiva e atopamos células cancerosas en todos os niveis da sociedade: na actividade política, na actividade empresarial, na actividade comercial, na actividade privada... Como consecuencia é fácil observar que o aparello respiratorio do país sofre unha importante asfixia polos impostos, o aparello dixestivo presenta unha crecente anorexia que mingua o texido produtivo do país, o aparello circulatorio padece graves arritmias que só bombean sangue (léase cartos) a certos órganos concretos, o aparello neurolóxico manifesta síntomas evidentes de Alzheimer cunha notable demencia na memoria de feitos e palabras do pasado e o aparello locomotor sofre unha perda importante de mobilidade con case seis millóns de células paradas.
Solución: cirurxía neoplásica en todas as células corruptivas por un bo cirurxián nun hospital público e..., aínda así, non estamos libres de que rexurda polo que haberá que facer un serio tratamento preventivo antiplásico.
7.02.2013