Francisco Freire Vila
Voltas e reviravoltas
A lingua galega é moi rica en refráns e frases feitas. Se collemos a palabra chave “voltas” que podería difinir o que estamos a vivir na política actual, podemos explicar coa fraseoloxía popular a realidade do momento:
Xa levamos uns cantos meses que andan con voltas para elixir presidente e por máis que lle dan voltas á cabeza os acordos seguen sen estar á volta da esquina.
Algo ten que ver que algúns non limpasen a imaxe como aconsella o refrán a herva revolta non a deixes á porta ou non se desen conta de que o diñeiro do usureiro dá dez voltas ó quinteiro, ou quizais si, e por iso o levaron aos paraísos fiscais. Entrementres... quen diñeiro non ten que cobrar, moitas voltas ten que dar.
Neste volta e dálle entre os actores hai quen lle dá máis dunha volta a alguén, outros hai tempo que veñen de volta e media e outros están pasados de volta.
Pero como o mundo dá moitas voltas, algún día deixarán de dar voltas, se non dan antes voltas de campá.
En fin, aí vai un consello do sabio refraneiro: cásate, compañeiro, e dá unha volta ao galiñeiro porque o barquiño que moito quere camiñar, volta no camiño dá.