José Freire
Modelo policial
Os pasados días 20 e 21 do presente mes de setembro, co gallo do 25 aniversario da creación da Unidade do Corpo Nacional de Policía Adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia, máis coñecida como Policía Autonómica, organizadas pola Dirección Xeral de Interior e Emerxencias da Xunta de Galicia, celebráronse na vila da Estrada unhas xornadas sobre o modelo policial español. Ao respecto gustaríame facer algunhas reflexións.
No sistema policial español están presentes todas e cada unha das potencialidades dos modelos europeos: a base local do sistema fraccionado inglés, a través das policías locais; o alemán, descentralizado, policías autonómicas; o francés, fortemente centralizado, policía e Garda Civil.
Esa arquitectura que podiamos denominar tridimensional do sistema policial español, vén perfectamente definida na nosa Constitución, concretamente nos artigos 104, 149 ou 148. Son o Estado, as Comunidades Autónomas e os Municipios os tres actores que teñen relevancia xurídico política en materia de seguridade pública.
Coido que non é necesario facer un percorrido descritivo e xurídico do panorama dos Corpos de Policía que actúan en España xa que e coñecido dabondo. Máis gustaríame determe nalgunhas incongruencias, contradicións e outros aspectos do sistema actual de seguridade pública que o fan verdadeiramente mellorable.
Por unha banda, co modelo actual, o Goberno de España non coñece a magnitude real do problema que representa a criminalidade no noso país, polo que resulta moi difícil deseñar unha verdadeira política criminal. Da maioría dos atestados e investigacións que realizan as policías autónomas e locais, o Ministerio do Interior non ten noticia algunha. E o máis grave, non ten constancia algunha de moitas detencións efectuadas por estas policías. Polo tanto, cando se exportan as nosas estatísticas policiais, comparándoas coas doutros países, especialmente da UE, estase faltando á verdade.
A coordinación entre todo o conglomerado de Policías que actúan en España depende máis de voluntarismos persoais que da existencia de poderosos e ben estruturados mecanismos de colaboración e intercambio de información. As liortas entre policías son máis que feitos illados, empezando polos corpos de ámbito estatal dependentes do Ministerio do Interior. Hai estériles loitas por conflitos de competencias ou por ver quen chega primeiro (ou por non chegar nunca). As carreiras polo lavado de imaxe ou por obter o mellor titular nos medios de comunicación son, ás veces, vergoñosas. Todos estes despropósitos súplense coa boa vontade e sensatez dos responsables políticos e profesionais. Pero estas virtudes non se dan con tanta frecuencia como sería desexable.
As funcións dos diferentes corpos de seguridade están, en moitas ocasións, totalmente descolocadas. E así sucede que moitos policías nacionais dedícanse a exercer funcións de policía de barrio, mentres os policías locais investigan lesións graves, roubos, desaparición de persoas, etc. A Garda Civil non está suficientemente presente onde debería estar e pecha os cuarteis pola noite (algo inaceptable desde o punto de vista de servizo público de seguridade), e a Policía Nacional non pode atender debidamente todas as competencias que ten atribuídas.
No País Vasco e Cataluña configuráronse unhas policías integrais, onde practicamente non teñen cabida os Corpos de Seguridade do Estado. Isto non pasa nin nos estados federais, onde os gobernos centrais teñen reservadas competencias moi importantes en materia de seguridade e loita contra a criminalidade. Ambas policías camiñan por un carreiro de autosuficiencia e exclusivismo, coma se foran Policías doutro Estado diferente. Si isto fose así en todas as Comunidades Autónomas, o caos estaría servido en materia de seguridade. Ter 17 policías autónomas, máis dúas de ámbito estatal e máis de dous mil corpos de Policía local, suporía aumentar considerablemente o número de policías en España e, en consecuencia, un aumento do gasto na seguridade difícil de asumir pola sociedade española.
A evolución da tecnoloxía e os avances científicos en xeral, e en particular as telecomunicacións, informática, bioloxía ou medicina, condicionan e esixen a calquera organización que quere ser eficaz e competitiva, unha adaptación e actualización constante. A aparición de novos delitos e formas de delinquir vinculadas a estes avances é hoxe unha realidade que necesita unha resposta policial eficaz. Isto só é posible se a organización policial dispón de medios técnicos e humanos especializados, capaces de facer fronte a este reto.
Ante este estado de cousas é imprescindible reaccionar, analizar e comezar a tomar as decisións que sexan necesarias para poñer fin a estes desaxustes, apostando por un sistema de seguridade que sexa útil, racional e eficaz. E como queira que iso levaría consigo cambios lexislativos, aproveitar a ocasión para elaborar unha Lei Xeral de Seguridade Pública.
Coido que debemos afrontar, con coraxe, un novo modelo, con nova adscrición de competencias e simplificación de Corpos, e iso tendo en conta a realidade actual nesta materia e as perspectivas futuras de todos os actores involucrados nesta cuestión tan esencial para un Estado de dereito, que pretende ser moderno e que está inmerso nun proceso integrador, que inclúe a seguridade, con outros moitos países de Europa.
E todo ilo sen esquecer que a actuación dos corpos e forzas de Seguridade deben garantir a seguridade dos cidadás respectando os seus dereitos e liberdades. É un lugar común, en calquera análise ou debate sobre seguridade pública e dereitos cidadás, que a liberdade e a seguridade son dúas caras da mesma moeda, e que non é posible a unha sen a outra.