Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'Un año pésimo'
Un año pésimo é unha novela do escritor italo-estadounidense John Fante. Comezou a escribilo cara a 1950, mais non foi publicado até 1985, dous anos despois da morte do autor.
O protagonista é Dominic Molise, un rapaz que vive en Roper, unha pequena vila do estado de Colorado. Está a piques de rematar o instituto, e soña con se converter en lanzador profesional de béisbol. Vive nunha familia pobre, inmigrante. O seu pai é albanel, e aspira a que o seu fillo siga os seus pasos laborais, mais Dominic quere marchar a California para facer unha proba cun equipo profesional de béisbol, convencido de ser o mellor lanzador zurdo da rexión.
O título orixinal en inglés é 1933 Was a Bad Year, e é importante ter en conta a data: despois da Gran Depresión, a neve invernal impide que o pai poida traballar e que o fillo poida xogar ao béisbol. A nai, pola súa banda, rézalle á Virxe con gran devoción, os irmáns menores alternan a escola cos xogos inocentes da infancia, e a avoa lamenta a estancia nos Estados Unidos e bota en falta os Abruzos, onde polo menos había respecto e produtos da horta.
Dominic Molise é un dos alter ego do autor, se ben as novelas máis coñecidas de John Fante son as da tetraloxía protagonizada por John Fante. Na obra A irmandade da uva tamén está a familia Molise, pero con Nick como pai e Henry como fillo-adulto narrador. Porén, a estudosa da obra de Fante Catherine J. Kordish asocia a obra Un año pésimo a Espera a la primavera, Bandini, xa que o protagonista é tamén un rapaz de Colorado que desexa escapar da miseria. Un rapaz con contradicións entre o racionalismo e o medo a pecar, co desexo de chegar a ser alguén grande e que soña coas homenaxes ao mellor lanzador zurdo.
A familia, a relixión e o béisbol son tres constantes na obra de John Fante. Curisoamente Patti Smith menciona nas súas memorias (M Train, 2016) que o seu pai miraba os partidos de béisbol na tele cunha Biblia sobre as pernas.
Está narrada en terceira persoa, e comeza cunha presentación directa do plano espazo-temporal: O inverno de 1933 foi malo (...). Dominic Molise, díxenme, detente. Vai todo segundo o planeado? (...) Estaba en Roper, Colorado, facéndome máis vello cada minuto que pasaba. Faltábanme seis meses para facer os dezaoito anos e terminar o bacharelato. Medía 1,62 de estatura (...). Era fillo dun albanel que levaba cinco meses sen traballar. Non tiña abrigo (...). Señor, murmurei, porque naquela época era un crente que falaba con sinceridade ao seu Deus: Señor, que tal vai a cousa?