Marta Samartín Toimil
Día Mundial da Diabete
¿Que significa ese círculo azul? ¿Que está a pasar para que o concello tinga a súa fachada de azul?
¿Que ocorre hoxe día 14 de novembro? Para todos aqueles que non o saiban,
hoxe é o DÍA MUNDIAL DA DIABETE.
Este movemento xurdiu no ano 1991 como medio para aumenta-la concienciación global. Considerada por moitos a “epidemia do século XXI”, a Diabete é unha doenza crónica que afecta a máis de cinco millóns de persoas en España e que a súa incidencia está en continuo aumento no mundo. Por este motivo a Organización Mundial da Saúde dedicoulle este ano o día mundial da Saúde (7 de abril) a esta doenza baixo o lema VENCE A DIABETE.
HOXE, os sanitarios temos unha oportunidade ideal para dirixirnos ao público para lle explicar a gran importancia da EDUCACIÓN DIABETOLÓXICA, que consiste en explica-los síntomas, complicacións e tratamento desta grave afección que se atopa nun constante incremento.
Existen varios tipos de diabete e creo que todos deberiamos saber diferencialos:
-
A tipo I ou insulino-dependente, que aparece en nenos e xente xoven aínda que tamén pode aparecer en idades máis avanzadas. Require tratamento con insulina de por vida dado que as células do páncreas non son quenes de producir esta hormona. Non doe, non se ve, pero as persoas que a padecen deben ter a responsabilidade de controlar o seu nivel de glicosa en sangue diariamente para evitar complicacións a longo prazo.
-
A tipo II ou “a que aparece de maior”, está íntimamente relacionada co sobrepeso.
Ata fai pouco tempo só afectaba á poboación adulta pero resulta alarmante a súa extensión á poboación infanto-xuvenil por mor do incremento da obesidade en España.
Require medicación con antidiabéticos orais de por vida e de non ter un bo control por parte do paciente, pode chegar a requeri-la administración de insulina.
-
A Xestacional é aquel tipo de diabete que aparece por primeira vez no embarazo. Ten lugar porque as hormonas da xestante bloquean á acción da insulina e a glicosa aumenta no sangue. As causas da súa aparición poden ser diversas, como pertencer a unha etnia con maior risco, ter sobrepeso no momento da concepción, padecer Síndrome de Ovario Poliquístico, antecedentes familiares de diabete etc.
Os principais síntomas para detecta-la diabete son: polidipsia, polifaxia e poliuria, isto é, ganas incontidas de beber, comer e ouriñar. De aparecer calquera destes sinais o seguinte paso debería ser facerse unha analítica de sangue que puidese confirma-lo diagnóstico.
O AUTOCONTROL é o factor primordial no manexo da diabete. Ensinar aos nenos a realizar os seus propios controis do estado de glicemia axudará a coñece-lo seu propio metabolismo e evitar complicacións. O neno debe ser consciente da súa enfermidade e ao mesmo tempo non limitar á súa vida cotiá facendo as mesmas actividades que un neno non diabético.
A ALIMENTACIÓN tamén é unha ferramenta básica para o control da diabete e de moitas outras patoloxías. Resulta moi duro dicir que somos o único país de Europa sen Dietistas- Nutricionistas na sanidade pública. Se a isto lle sumamos os crecentes intereses da industria alimentaria pola presenza do azucre na meirande parte dos alimentos, estamos ante unha loita que non fixo máis que comezar. “Somos o que comemos” e fai moita falta xente curiosa con ganas de formarse. Por isto gustaríame resaltar a grandísima importancia das Asociacións en Pontevedra, neste caso a de ANEDIA [Asociación de Nenos e nenas con Diabete] que loita cada día por ter á disposicións de todos os pontevedreses, en especial aos pais e nais de nenos con diabete, toda a información posible para unha boa EDUCACIÓN DIABETOLÓXICA, NUTRICIÓN E DEPORTE.
Esta fin de semana foi intensa coa elevada participación na III milla pola diabete e o alumeado do concello con luz azul, ademais do concerto a cargo dos Coribantes. Pero debemos seguir loitando para a visibilización desta doenza que está aumentando dun xeito exponencial.