Ramiro Espiño
Inadmisible, Irresponsable e... Antirreglamentario?
Vaia por diante, para que logo os de sempre non boten a lingua a paseo "interpretando" ao seu xeito o contido desta columna, que o que segue para nada concirne á persoa do médico do Pontevedra C.F., o doutor Alberto Domínguez, que bastante ten (e hai que agradecerllo encarecidamente) con exercer como galeno do club de forma altruísta, atendendo a xogadores (e ás veces ata a non xogadores) e dedicar horas do seu tempo en beneficio da entidade granate.
Obviamente, polo que antecede, teranse decatado que o fío argumental destas liñas non pode ser outro que o lamentable feito sucedido en Pasarón no partido do domingo, cando nunha acción desgraciada resulta fortemente conmocionado o porteiro Sergio Lloves e non había un médico para atendelo, tendo que ser trasladado ao Hospital Miguel Domínguez, onde si recibiu a oportuna, puntual e profesional asistencia e onde tamén compareceu rapidamente o propio doutor Alberto Domínguez, abandonando o seu domicilio no que se encontraba prostrado en cama, enfermo.
Calquera que sexa en cada momento o galeno que exerza como médico do club ten todo o dereito do mundo faltaría máis! a ausentarse nun día, por motivos profesionais, persoais, familiares ou simplemente porque lle dea a real gana. Alberto Domínguez estaba indisposto, o club e os seus responsables sabíano porque foron previamente advertidos e que saiba ninguén moveu un dedo para cubrir esa importante ausencia, ou se o sabían foron incapaces de encontrar unha solución en forma doutro facultativo que cubrise a ausencia e atendese calquera situación que puidese producirse.
Afortunadamente non houbo que lamentar desgracias maiores e o tremendo golpe recibido por Lloves quedou nun susto, pero que tería pasado de terse tratado de algo máis grave?, e se sucede un accidente e un xogador ou un espectador requiren atención médica inmediata?, pode un club como o Pontevedra permitir que no seu feudo nun espectáculo organizado por el e con público numeroso -aínda que cada vez menos- consentir que non haxa asistencia médica no campo?. Ao meu modesto modo de entender, ROTUNDAMENTE, NON.
E situados neste punto e nesta cuestión a un ocórreselle que o sucedido ten tres adxectivos: inadmisible, irresponsable e antirreglamentario?...
Inadmisible porque nunca, polo menos ata que me alcanza a memoria e son xa máis de 30 anos seguindo ao Pontevedra, deixou de haber nun partido en Pasarón un médico. Vale que a situación económica non está para alegrías, pero hai cuestións irrenunciables e onde non alcanzan os recursos económicos ten que chegar o bo facer dos dirixentes para encontrar solucións imaxinativas.
Irresponsable simplemente porque abonda con recordar incidentes e desgracias habidas moi recentemente en distintos campos de medio mundo.
Y antirreglamentario?...pues a resposta dáa a simple lectura do Regulamento Xeral da Real Federación Española de Fútbol (tempada 2012/2013), aprobado pola Comisión Delegada da RFEF o 16 de maio de 2012 e ratificado pola Comisión Directiva do Consello Superior de Deportes. O devandito regulamento, no seu artigo 203, referente ás "Condicións do terreo de xogo e das instalacións deportivas", no seu apartado 2, di: "As instalacións deportivas deberán contar, ademais, cos seguintes elementos: d) Dependencia destinada a clínica de urxencia asistida por facultativo".
Parece quedar meridianamente claro e transcríboo por se algún non se decatou de que levar esta nave a porto é máis, moito máis, que apertarse o cinto a calquera prezo.
Todo iso sen contar a cuestión do dano á imaxe da Entidade, que leva uns aniños de malo en peor. Porque se pode perder a categoría deportiva, como nos sucedeu, pero iso non ten que implicar perder tamén a institucional. A primeira recupérase nos terreos, a outra gáñase cos anos e cando se consegue non pode ser arrastrada, especialmente en asuntos que teñen moi doado arranxo, simplemente hai que querer...además de saber, e de ésto empezo a ter serias dúbidas.
Claro que moito me temo que, como nos seriais baratos, non poñeremos aquí o rótulo de "FIN" se non máis ben un pesimista "CONTINUARÁ"...