Francisco Freire Vila
Con educación para a educación
Este sábado (23 de febreiro, ás 16 h) a comunidade educativa vai desenvolver no Mirador de Monte Porreiro a 1ª Festa do Ensino co obxectivo de defender un ensino público de calidade xa que se está vendo mermado polos continuos recortes que se están a facer dende as administracións.
Esta festa non está vinculada a ningún partido político nin sindicato porque as ANPA entenden que os pais/nais, as familias e o profesorado teñen que unir os esforzos para dicir todos xuntos que non se pode continuar a afogar o ensino; porque consideran que temos a obriga de non quedar calados e expectantes esperando que máis vai acontecer; porque o ensino público é o noso futuro como país e é o futuro das nosas fillas e fillos.
Chama a atención a orixinalidade da festa-protesta xa que está programada unha gran variedade de actividades: un roteiro, xogos populares, actuacións musicais e unha chocolatada.
A comunidade educativa é capaz de xuntarse pacificamente e tamén de forma lúdica sen gritos e sen rancores, con educación, coa contundencia das verbas e da presenza de todos, pais, nais, fillos, fillas e profesorado porque o ensino non pode estar ás ordes do goberno do momento, porque son os profesionais do ensino, os que están nas aulas, os que coñecen a realidade e as necesidades de verdade. Non se pode facer cada pouco unha lei de Educación sometida a criterios partidistas. ÿ hora de exixir un pacto global en Educación serio e duradeiro.
As confederacións e federacións de nais e pais dos colexios públicos de todo o Estado alertan de que a lei que quere aprobar o goberno, a LOMCE, vai deteriorar e desgastar aínda máis o ensino público e polo tanto o futuro da nosa sociedade e chaman á unidade da comunidade educativa para que xuntos defendamos un ensino de calidade.
Ensino público é igual a cohesión, oportunidade, capacidade, creatividade, é independencia, ilusión, autoestima, orgullo persoal e social. Este traballo silencioso é o froito do empeño de moitas xeracións de profesionais que viviron tempos moi duros e loitaron por un futuro mellor para todos nós. Non podemos nin queremos tirar os esforzos de tantas persoas, é a nosa maneira de llelo agradecer.
21.02.2013