Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'La España vacía. Viaje por un país que nunca fue'
La España vacía. Viaje por un país que nunca fue é a nova obra do xornalista zaragozano Sergio del Molino. Nela fai unha análise do despoboamento rural da zona central da península Ibérica. O texto, co subtítulo de Viaje por un país que nunca fue, trata a ausencia dun relato histórico arredor do desleixo por parte das autoridades cara ao rural.
Esta non foi propiamente unha Lectura desde O Alcouce, senón que lin o libro nunha excursión pola comarca de La Manchuela, na provincia de Albacete, que me axudou a comprender mellor o libro.
A demografía española é única en Europa. Combina áreas densamente poboadas, con amplas zonas cunha densidade de poboación propia de zonas desérticas, máis baixa ca as de Laponia. Parte da causa é a herdanza de dúas culturas que deixaron pegada: a Antiga Roma e Al-Ándalus entendían as zonas rurais como despensas das urbes, nas que facían vida as clases acomodadas. Xa na idade moderna a corte asentouse en Madrid, desde onde se desenvolveu unha política dobremente centralista. E desde entón os distintos réximes políticos non foron quen de reverter a situación, nin sequera cos abundantes fondos achegados pola Unión Europea para o desenvolvemento rural. Quizais unha das zonas máis coñecidas da España rural sexa Las Hurdes, a comarca estremeña, na que exemplifica os procesos históricos e as pegadas culturais.
O libro é unha obra moi lixeira de ler. Non é un ensaio dun xeógrafo ou demógrafo, escrito como análise científica ou estendéndose en datos estatísticos. É un libro de opinión, escrito en base á experiencia persoal e á lectura de numerosas obras. Detrás do texto vese unha gran documentación. O autor coñeceu en primeira persoa os espazos e xentes das que fala. En boa medida a súa actividade é, salvando as distancias, herdeira das actitudes da Institución Libre de Enseñanza, que pretendía patear o país para coñecelo e transformalo.
Son especialmente interesantes as referencias literarias e cinematográficas. Desde as obras máis canónicas da literatura castelá como El Quijote ou Bodas de sangre, a filmes e series contemporáneos como Perros de paja de Sam Peckinpah ou Twin Peaks de David Lynch. Hai unha fonda análise da visión de España desde fóra -a visión no romanticismo europeo como territorio salvaxe, similar á Transilvania da que viña Drácula-, e desde dentro -dos autores da xeración do 98 á versión edulcorada da emigración masiva á cidade que nos dá a serie Cuéntame pasando polos fildes de José Luis Cuerda e as novelas de Julio Llamazares, que no seu momento non tiveron boa acollida por parte da crítica. Respecto a autores galegos destacan Valle-Inclán, do que fala da súa relación co Carlismo, e Camilo José Cela, que escribiu libros como Viaje a la Alcarria e Del Miño al Bidasoa, dúas visións diferenciadas da España rural.
Bótase en falta maior atención a Portugal, que vive unha situación similar. Amais, tampouco se analizan as causas da despoboación rural en Galicia, diferentes ás da meseta, cunha emigración prolongada no tempo e un envellecemento endémico.
O libro conta cun índice onomástico de moita utilidade, que inclúe un listado de personaxes, topónimos e obras.