Ramiro Espiño
O Pontevedra C.F. e as contas da leiteira
Hai motivos para reflexionar. Debe facelo o actual Consello de Administración do Pontevedra C.F. ou quen goberne este malhadado invento da Sociedade Anónima Deportiva. Deixando por sentado que a situación económica e con ela a supervivencia da Entidade é agora mesmo o principal problema ao que han de dirixirse os maiores esforzos ata conseguir que o Club/SAD teña expectativas de futuro, non deben perder de vista os actuais xestores (aos que recoñezo o seu valor para estar á fronte dun barco que fai augas por todas partes), que esta non é unha empresa ao uso, se non que ese futuro que se intenta viabilizar depende case na mesma medida da boa xestión económica e duns resultados deportivos acordes co que o Pontevedra C.F. supón para a seu (aínda) gran masa de afeccionados.
Nos dous próximos meses vaise a decidir o futuro económico e a supervivencia da SAD. Presentarase un plan de viabilidad, case aprobado ou consensuado cos principais acreedores non subordinados. Vaise a modificar considerablemente a estrutura accionarial da sociedade. Todo apunta a un novo cambio na presidencia e composición do Consello de Administración alá para finais de novembro ou principios do próximo ano, pero¿alguén se parou a pensar que si a parcela deportiva non funciona, poderiamos estar facendo as contas da leiteira?.
Está claro que ese plan de viabilidad bosquexado para saír da situación concursal foi confeccionado partindo dunha premisa fundamental: o nivel actual de ingresos baseado nunha masa de máis de dous mil socios e unha asistencia a Pasarón moi superior á de calquera outro campo da categoría e ata de categorías superiores. Con todo non esquezamos que esa premisa pode virse abaixo como un castelo de naipes se non se gañan partidos.
Cando fai máis de trinta anos, na campaña 1980/81, o Pontevedra descende a terceira división, a situación económica non era mellor que a actual. Aínda así, nos tres seguintes anos o equipo é campión de Liga e paséase por Galicia. Non ascende á primeira, pero só se perden 11 partidos neses tres anos (só un menos que na tempada pasada) a última, que termina co ascenso, marcando 86 goles e recibindo só 15 (dúas derrotas) con 12 puntos de vantaxe (cando as vitorias valían 2 puntos) sobre o Ourense, que foi segundo. E a afección non abandonou, pese aos fiascos nas dúas primeiras fases de ascenso, porque se lle ofrecía bo facer, futuro, ilusión por recuperar a categoría perdida, pero fundamentalmente porque ao longo da liga sentíase orgullosa do seu equipo.
E esa é a clave. Cando alá polo mes de xuño o equipo era eliminado polo Espanyol B, dende o club díxose ben alto que esta tempada non cabía máis opción que ser primeiro para ter máis opcións de ascenso. Logo veu "a tía Paca coas rebaixas" e sen cambiar o discurso chegaron os recortes que nos sitúan cun equipo apañado, de futuro, pero non sei se tamén de presente.
Como consecuencia diso, o problema é evidente. No fútbol a paciencia non abunda e Pasarón empeza a ser alarmante testemuña diso. Cada semana hai máis bancada libre, menos afeccionados. Os abonos son caros (os máis caros de toda a terceira división e de moitos clubs de superior categoría). Se non se endereza o rumbo (e ollo que o Rácing está disposto a poñelo difícil dende o principio), se non se empeza a pisar con forza deixando de arrastrar nome e historia, poida que esas contas terminen como as da famosa leiteiraxa saben, co cántaro roto¿ou de verdade alguén pensa que non haberá desercións masivas nas gradas?, que para penas xa ten un bastante na vida diaria.