Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'Servizo de Correos'
Servizo de Correos é a primeira novela do escritor estadounidense Charles Bukowski. Foi publicada en 1971, cando tiña 50 anos, logo de que John Martin, o fundador e propietario da editorial Black Sparrow, lle ofrecese ao escritor cen dólares ao mes para o resto da vida se deixaba de traballar de carteiro e se dedicaba a escribir a tempo completo. Bukowski aceptou, e polo que conta ao comezo do seu libro Women, escribiu a novela en vinte e unha noites.
Bukowski, coñecido polos seus relatos e en menor medida pola súa poesía, escribiu catro novelas. Tres delas son autobiográficas: Pan con xamón da súa infancia, Servizo de Correos dos anos de madurez (dos 32 aos 50) e Hollywood de cando escribiu o guión para a película Barfly, xa cumpridos os 65. Todas as tres están protagonizadas por Henry Chinasky, o seu alter ego. A cuarta novela, Pulp, é un xogo literario, un entretemento ben divertido.
A novela conta a súa traxectoria en dúas etapas no Servizo Postal dos Estados Unidos, desde un Nadal en que comeza como carteiro substituto até que decide deixalo dezasete anos despois. Na primeira etapa comeza repartindo polas rúas mais sen rutas fixas. A pesar dos desencontros cos xefes, acaba por conseguir unha ruta fixa, se ben decide deixalo.
Entón decide casar cunha rapaza e marcha a Texas. A moza resulta ser unha herdeira dunha gran fortuna, mais quere demostrarlle á familia que pode valerse por si sola, e a parella regresa a California á procura de traballo. Durante unha época gaña Chinaski gaña cartos apostando nos hipódromos, e tempo despois ela decide divorciarse. El regresa á estafeta, e consegue un posto fixo, mais nesta ocasión fai traballo na oficina, máis rutineiro e aburrido. Sobrelévao con borracheiras e visitas ao hipódromo, e coñece outra muller, que lle dá unha filla.
Conta cos elementos tópicos da narrativa de Bukowski: narrada en primeira persoa, e con boas doses de alcohol, sexo, palabróns, berros, desidia. Tamén se deixa entrever xa o seu gusto por conducir, polos animais e pola música clásica.
A acción desenvólvese principalmente na cidade dos Ánxeles, como boa parte da obra de Bukowski. Varios dos personaxes femininos son recoñecibles na vida real, como Jane Cooney Baker ("Betty", que era alcohólica e 11 anos maior), a súa primeira muller, Barbara Frye ("Joyce", que aparece retratada coma unha ninfómana), ou Frances Smith, a nai da súa filla Marina Louise.
Pouco despois de se publicar o libro, o director Taylor Hackford mercou os dereitos para levar a cabo unha película baseada no filme, se ben o proxecto non saíu adiante.
A novela foi traducida ao galego por Alejandro Tobar, e publicada en 2011 pola editorial Hugin e Munin. Outros libros del en galego son a novela Pan con xamón, traducida por Eva Almazán e publicada por Faktoría K en 2009, e o libro de poemas Toca o piano borracho como un instrumento de percusión ata que os dedos empecen a sangrar un pouco, traducido por Xosé García Sendón e publicado por Edicións Positivas en 1993.