Manuel Pérez Lourido
Cando fomos tan sexys
Vou facer unha serie indiscriminada de confesións. Por exemplo: cando me sinto sexy non son quen de escribir. Tal vez por iso hai tempo que escribo coma un tolo. O que fago (facía) cando me sentía sexy era amenazar á parienta: "cuidadiño que hoxe levanteime sexy". "Ai, que medo", adoitaba responder. Son un seductor nato. Xa de mozo, cando arrastrabamos as nosas miserias humanas por antros coma Equus ou Shiva ou Daniel nas noites do fin de semana, e daba eu en sentirme sexy un día si e outro tamén, levaba unhas cabazas coma mundos. O mundo da cabaza discotequera, podía ter eu montado, cun pouco de vista, en plan manual do perfecto pelello que confundía estar saído con sentirse sexy. Terminoloxía. Muy importante: sen un correcto dominio da terminoloxía a túa xuventude podíase converter nun inferno, un Vietnam de acné e música que daba arcadas, gomina mal repartida, pescozo abaixo, zapatos furados, vaqueiros vellos. Case vou parando.
Eu xuntábame con xente tan sexy coma min, e facíamos unha panda de moinantes tipo Oceans Eleven pero cutres a morrer. Temos fotos de fin de ano enriba de capós de coches, coas garabatas colgando coma cordas de afogados. Se sae nalgunha unha rapaza, estaba peor ca nós en todos os sentidos. Nós eramos coma o Alcoiano das pandillas xuvenís: se había un futuro, daríamos con el.
Voltemos ao tema da escritura e o sentirse sexy... a ver, escribir non é sexy coma o rock and roll, que dicía a canción. ÿ máis ben mover unha pedra dun sitio para o outro ata que dis, "aí non está mal". E como decorar unha habitación con pedras: podes facer unha obra de arte, ou podes acabar semellando un astrolopiteco. A min o de astrolopiteco sóame de termo chamado xente do meu mesmo sangue, ao verme chegar ou saír cara o instituto naqueles anos sen nome: mochila ao lombo, chepa en posición de revista.
Se cadra os artista que máis sexys se sinten no exercicio das súas artistadas son os músicos. Non os de orquesta municipal. Falo do punk, do rock, do pop en xeral. Os cantautores seguro que tamén se sinten sexys cando non se sinten parvos, que algún poñen cara diso ou de padecer estreñimento, eu que sei. O rock é o estilo sexy por antonomasia. Se tiñas un grupo de rock e non te sentías sexy estabas para encerrar. Despois chegou Kurt Cobain e fodeuse o estereotipo. Tamén os Beatles eran sexys e chegou Yoko Ono.
Escritores que se sintan sexys, que ti sintas que se sintes sexys cando os les, e non falo de Henry Miller e cousas polo estilo, haiche poucos. Se cadra Hemingway tivo que sentirse así, a xulgar polo frouxas que lle saían as novelas. Ou Anais Nin, que vaia... bueno, éche un pouco pedante criticar a xente que está nos libros con letras gordas a pesares de escribir o que escribiron, vouno deixar, que comezo a sentirme sexy...
6.03.2013