Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'Pelerinaxes'
Pelerinaxes é un libro de viaxes de Ramón Otero Pedrayo. Nel narra o roteiro que fixo en xullo de 1927 desde Ourense até Santo André de Teixido acompañado por Vicente Risco e Xosé Ramón Fernández-Oxea (Ben-Cho-Shey). Editorial Galaxia vén de sacar unha nova edición do texto, que aparecera en 1929 da man de Nós e que fora reeditado en 1993 por Ediciós do Castro.
É unha das obras máis amables de ler de Otero Pedrayo. Nel conxuga a súa vocación de xeógrafo coa súa erudición poética á hora de describir a paisaxe. No texto apréciase o lecer de tres homes novos (Otero tiña 39 anos, Risco 43 e Ben-Cho-Shey 31) que deciden botarse a andar para coñecer o seu país. Mais non o fan como turistas, ou de paso en vehículos motorizados, senón que o texto, como a propia viaxe, é unha defensa do andar para coñecer un territorio. Deste modo, amais do gusto pola gastronomía popular e as bromas, tamén hai oco para recadar coñecementos da xeografía, etnografía, arquitectura ou socioloxía galega. Non obstante, o título do libro non é gratuíto: os mozos eran de fondas conviccións cristiás, e ir ao santuario de Santo André era tanto unha escusa para patear Galiza como un obxectivo en si mesmo.
Otero Pedrayo fixera varias viaxes a pé por Galiza desde os seus anos no instituto de Ourense, e xa na época do Seminario de Estudos Galegos fixo outra peregrinación a Compostela canda a Risco, López Cuevillas, Vázquez-Monxardín e Xavier Prado Lameiro entre outros amigos. O propio Lameiro fixo a crónica desoutra peregrinación.
Os tres amigos partiron o luns 4 de xullo de 1927 de Ourense, sen ter as etapas establecidas e sen saber onde ían durmir. Saíron pola estrada de Compostela até Cambeo e O Empalme, onde collen cara a Reádegos. Desde alí seguen polo val do Barbatiño, nunha zona que o autor coñece ben e da que fala no seu libro Bocarribeira, o único volume de poesía que publicou en vida. Seguen até durmir en Viana, e o martes continúan até Monterroso, onde Otero Pedrayo compón unha oda ao xamón. Dormen no hotel Palace, e o mércores, día de feira, aproveitan para coñecer a vila, e despois saen cara a Palas de Rei, onde os acolle o boticario Avelino García Armesto.
Desde alí van a Lugo no Castromil, e pola tarde saen até Rábade. O venres chegan a Vilalba, onde os agarda Noriega Varela, que até pouco tempo atrás fora mestre en Trasalba. Xa o sábado saen cara ás Pontes de García Rodríguez, e Otero Pedrayo comeza sofre ao camiñar polas vinchocas. É por isto que vai en coche até Ortigueira. O luns 11, san Benitiño, cruzan a ría en barca até Espasante. Logo seguen até Cariño, e desde alí van até Viveiro, onde comezan a viaxe de volta por Mondoñedo e Vilalba.
É ben curioso o relato para coñecer a Galiza de hai 90 anos. Hai problemas que xa por entón estaban de actualidade, como a aparición de infraestruturas (a construción da estrada de Monforte a Lalín por Chantada, posteriormente C-533) ou os cambios nos cultivos forestais (reforestacións con piñeiros e aparición do eucalipto; sóalles?). É ben curioso decatarse de como mudou a percepción do territorio: daquela aínda non estaba tan asentada a figura dos Concellos, polo que no rural a parroquia era o centro da vida diaria, e aínda persistían na memoria as xurisdicións.
O libro vai acompañado de ilustracións de Vicente Risco, quen tamén escribiu o libro. Os debuxos recollen detalles da arquitectura popular, como os cruceiros ou os petos de ánimas, e paisaxes como poboados castrexos.
Ao longo do paseo aparecen infinidade de topónimos, aos que Otero Pedrayo era ben afeccionado. Bótanse en falta no novo texto publicado por Galaxia unha explicación dos criterios de edición e algunhas notas a pé de páxina; sería tamén interesante revisar algúns topónimos conforme ao actual Nomenclátor (por exemplo, Otero Pedrayo fala de Tresar de Carballo no canto de Trasar).