José Freire
Desafiuzamentos
Sempre houbo desafiuzamentos pero agora o nivel de tolerancia social é distinto, menos permisivo con esa práctica. Téndese a ver iso dos desafiuzamentos coma se fose unha grave condena (que o é) pola situación económica que atravesamos, e en cambio os desafiuzamentos levados a cabo durante os anos anteriores pasaron desapercibidos. Un desafiuzamento é un drama sempre, con ou sen crise económica, e por iso o primeiro que hai que pedir é unha solución con efecto retroactivo, que permita aos que perderon a súa vivenda por circunstancias sobrevidas recuperala das poutas do banqueiro que a quedou. A recente sentenza do Tribunal Europeo fainos albiscar algunha esperanza ao respecto.
E velaí que a imaxe que salta á vista, cando vemos novas nos medios de comunicación, é a dun funcionario do Corpo Nacional de Policía, garda civil ou policía local, sobre o que, sen encomendarnos a Deus ou ao demo, caen as nosas primeiras críticas. Parece que estes servidores públicos son os causantes de que unha familia perda a súa casa e que a haxa que botar fora.
A crise e o crecemento dos desafiuzamentos provocou un cambio no clima social e xa o Goberno, os partidos políticos, os medios de comunicación, os xuíces, os sindicatos... están a esixir unha solución para iso, e é neste momento cando, querendo contribuír a que se faga xustiza e se protexa os que máis o necesitan, o Sindicato Unificado de Policía pode dicir que aboaremos o soldo e garantiremos unha defensa xurídica a calquera compañeiro que se opoña a realizar un desafiuzamento. ÿ o noso xeito de tomar posición en defensa dos que máis o necesitan. ÿ o momento porque houbo varios casos de suicidios. Isto provocou unha alarma social, e é posible que algún compañeiro sinta que de acudir a un desafiuzamento pódelle carrexar problemas morais e de conciencia que perturben a súa estabilidade emocional, e por aí comezariamos os argumentos da súa defensa ante o expediente disciplinario e os posteriores recursos ante os tribunais de xustiza.
Un desafiuzamento é unha das tarefas máis ingratas que desenvolve calquera membro dos corpos de seguridade, sexa do Estado, autonómico ou local. Debe terse en conta para eses efectos que un desafiuzamento é sempre unha resolución xudicial e que incumprir unha orde expresa, unha resolución xudicial, pode ser considerado desacato, entre outras figuras do Código Penal, que poden acabar co policía expulsado para sempre da súa profesión e pode que ata encarcerado. Nós sempre defendemos que un policía non pode facerse o "harakiri" porque con iso non consegue máis que prexudicarse a si mesmo e o seu xesto sería esquecido ao día seguinte, logo sería unha actuación estéril.
Estamos cos que perderon o traballo e agora quérenos botar da súa casa, e esiximos ao Goberno que lexisle para resolver esta situación ou será responsable por omisión. Unha posición coherente coa traxectoria desta organización sindical. E doutra parte, que o compañeiro que animicamente considere que intervir pódelle ocasionar problemas persoais saiba que contará co noso apoio.
Os que sigan actuando terán o noso apoio tamén porque é un problema que deben resolver outros e non nos é esixible que resolvamos problemas que nos son alleos nin dos que somos responsables.
Os responsables son outros: os políticos que fan as leis; os xuíces, que as aplican e poden interpretalas; os bancos, que impulsan os desafiuzamentos; e nalgúns casos tamén os propietarios que non estando en situación de necesidade simplemente quixeron vivir por enriba do que a súa economía lle permitía.
Polo tanto culpar a un policía é como culpar ao enterrador da morte do defunto.
17.03.2013