Sara Curto Domeque
Non son casos illados, é culpa do patriarcado
Este martes quedaba visto para sentencia o xuizo contra A Manada, o grupo de 5 homes que agrediron sexualmente a unha moza nos Sanfermines de 2016. Este feito indignou a miles de mulleres que saíron á rúa o 17 de novembro a manifestarse baixo lemas como: "Irmá, non estás soa, aquí está a manada", "Eu si che creo", "Nós somos a manada". O movemento feminista ten máis forza ca nunca, cada vez somos máis as mulleres que organizámosnos para loitar e combater o patriarcado.
Un feito que indignou a miles de mulleres, foi a contratación dun detective privado por parte dunha nai dos presuntos violadores. Este gravou á vítima as semanas posteriores á violación coa intención de demostrar que a vítima mentira, xa que se atopaba en perfectas condicións psicolóxicas coas súas amigas de viaxe. Entón, como se supón que debemos comportarnos?, encerrándonos na casa, fortalecendo a nosa dor, e comezar con elo a nosa destrución persoal. Hai que ser moi nulo para non saber que calquera especialista que a puidera tratar, e lle diagnosticase depresión, ou ansiedade, aconsellaríalle distraerse facendo unha vida normal, co obxetivo de eliminar dos seus pensamentos todo o que lle puidese lembrar aquela noite. O patriarcado quérenos ter tan controladas que ata nos dá as pautas de como debemos actuar tras ser vítimas de xénero, e non podemos consentirllo. As mulleres somos libres de expresar os nosos sentimentos e condutas antes e despois de ser vítimas de violencia machista, non temos porque xustificar o noso comportamento. As presións dos movementos feministas conseguiron que foran retirados da causa os informes dos detectives privados do xuízo da Manada.
Estas últimas semanas tamén puidemos observar a actitude escandalosa dalgúns medios do corazón, onde cuestionábase a versión da vítima co obxectivo de conseguir máis espectadores, debido ao morbo que xera este tipo de problemáticas sociais en parte da nosa poboación. Os medios de comunicación teñen que axustarse a dar as noticias tal e como van transcurrindo sen crear unha historia paralela a real, porque teñen unha gran influencia na opinión pública. Que irresponsabilidade! Hai que ser conscientes da gravidade do asunto, moitas son as mulleres que son vítimas de violencia machista na actualidade, e todos os medios de comunicación deberían ser un arma moi poderosa coa cal poderamos combater o patriarcado, e non todo o contrario, por xerar mais expectación.
No que leva de ano xa asasinaron a 72 mulleres por mor da violencia machista; o último estudo que se realizou no Raíña Sofía sobre adolescencia e mocidade afirmaba que un de cada catro mozas consideraba normal a violencia na parella. Baixo este panorama temos que ser moi delicadas á hora de tratar estes temas, non podemos permitir que os medios do corazón difundan unha historia irreal fomentando o machismo. E tampouco podemos permitir que se vexa como normal espiar á vítima despois do feito, cuestionando o comportamento que ha de ter para poder créela. E que é necesario que a agresión nos deixe secuelas físicas para que se nos crea? Basta xa.
Somos moitas, e temos que loitar como o estamos a facer polo xuízo da Manada, para que o Estado español nos garantice un verdadeiro Pacto de Estado contra as violencias machistas, e non un Pacto de mínimos como o da actualidade. Necesitamos garantías e presuposto para combater esta problemática social, e que non siga aumentando a cifra de mulleres maltratadas e asasinadas baixo as mans do machismo.