Marta Rodríguez Engroba
Excursión, xantar e violencia de xénero. Un plan perfecto para a fin de semana
Non é a primeira vez que, desde Si, hai saída, chamamos a atención sobre o lucrativo negocio que para algúns representa a violencia de xénero, malia o seu inexistente pero aparente traballo na loita contra esta lacra, ademais dun dubidoso interese por todo canto ten que ver con ela.
Isto resulta especialmente evidente no caso de certos colectivos que, na procura de tentadoras subvencións que enchen, con máis ou menos periodicidade as súas arcas, cando non se convirten directamente nunha substanciosa fonte de ingresos, non dubidan en organizar eventos ou saraos varios aos que bautizan, eufemisticamente, como "campañas de sensibilización".
Neste sentido, eu pensei que xa vira practicamente todo, e que pouco ou case nada podía xa sorprenderme, pero teño que recoñecer que non puiden estar máis errada.
O acontecido en Lugo, a miña cidade, a pasada fin de semana, superou todas as expectativas, e foi, no meu xuízo, unha flagrante falta de respecto as vítimas de violencia machista, as súas crianzas, e a evidencia de que, para moitos, somos unhas sinxelas mercadorías ás que se tenta sacar todo o partido posible, e que o feito de que nos sigan asasinando, e de que moitas vidas queden destrozadas para sempre e algo que non frea os intereses mercantilistas de quen fai da dor negocio.
O pasado Sábado presentábase, como digo, en Lugo, unha campaña supostamente destinada á sensibilización e concienciación da veciñanza e a fomentar a súa implicación ante a violencia machista.
Viña da man dun deses colectivos integrados por "xente de ben" que ainda atesouran como ouro en pano os vestixios do "vostede non sabe con quen está a falar" e que, se por algo non se distingue precisamente, e pola súa afinidade con nada que soe a feminismo nin de lonxe.
A presenza dunha relatora de renome na materia, así como un aval institucional, deberían ser, a priori, reclamo dabondo para garantir un aforo máis que aceptable, pero, en honor a verdade, e por moito que lamente recoñecelo, Lugo non se distingue precisamente nin pola súa implicación nin por volcarse en actos deste tipo, agás raras excepcións ou aqueles aos que non lles queda outra que deixarse ver por aquilo da foto e de "por ser vos quen sodes", polo que se ve que o "alma mater" do evento, tentando curarse en saúde, e non estando pola labor de facer un mal papel, que podería poñer ademais en risco o acceso a novas futuras prebendas, decidiu empregarse a fondo e artellar o que fora preciso para que o calor do público non faltase e dito e feito, puxo mans á obra.
Non se lle ocorriu mellor idea que tentar emular unha desas viaxes organizadas, nas que, despois dun "tour" por diversos lugares, uns cantos actos de lecer, e un opíparo xantar, antes de emprender o camiño de volta, che van vender a batería de cociña, o edredón nórdico ou mesmo un reloxo deses que che elevan o pulso á categoría de distinguidos.
Nin curto nin perezoso organizou unha excursión desde certos puntos da provincia a Lugo capital, onde, para chegar ao obxectivo desexado, que era un xantar e unha visita a un centro comercial, era preciso escoitar previamente unha charla sobre violencia de xénero.
Tivo, iso si, o tino de advertirles que ía ser breve. Non era de recibo alongar a molestia demasiado, non fora ser que a xente, ante o medo a aburrirse soberanamente, desistise de viaxar.
E todo este fantástico "pack" por un módico prezo, porque si, amigos e amigas, o persoal pagou por acudir, faltaba máis!.
Iso si, o cheo foi total!.
Misión cumprida!.
Non sei qué opinaredes, pero eu, como muller que vivín na miña pel o horror do maltrato, sentinme insultada, ofendida, e, por suposto, indignada, moi indignada.
Tamén asustada, porque non me cabe na cabeza que a estas alturas, cando as vidas de tantas mulleres, de tantos nenos e nenas, foron segadas por tan tremenda lacra, se siga comerciando dun xeito tan vil, tan indigno, e menos aínda que haxa quen secunde algo así.
É obvio que o seu artífice non ten claro que a violencia de xénero pode golpear a calquera muller nun momento da súa vida e non podo por menos que preguntarme que sentiría se lle sucedese a alguén achegado, alguén que lle doese de verdade e que sentise a impotencia, a desesperación, de quen vive o terror de preto, sen ver a saída por ningures.
Tal vez así o pensaría dúas veces antes de amosar tal falta de sensibilidade.
Por desgraza, malia que este caso tal vez sexa mais chamativo polo xeito tan burdo de degradar a que debería ser a loita de todos, e soamente unha mostra máis de que, neste eido, non soamente non avanzamos, senón que semellamos retroceder a pasos axigantados e o que xa semella adquirir tintes de pandemia queda reducido a un mero instrumento para os beneficios de quen non ten reparos en acadalos servíndose da desgraza allea.
Malia todo, podo asegurar que o que eu nunca crin foi chegar a ver como falar de dor, de humillación, mesmo de morte, se convirte en parte dun plan de lecer para a fin de semana.
Sinxelamente lamentable.
Asociación Si, hai saída