Tribuna Viva
Ponte vetere… Ponte futura: suxestións
Quen consideramos que a nosa historia ten que ser divulgada e coñecida socialmente e, asemade, reúne un enorme potencial de cara a nutrir a autoestima colectiva, non podemos cualificar máis que de "oportuna"a exposición que acolle este mes de marzo o Museo, no edificio Sarmiento, sobre a "Ponte do Burgo. Berce. Camiño. Luz". Animamos a que se visite. Nela, xunto ao catálogo e video realizados, percórrense varios aspectos da ponte a través de comentarios e imaxes e explícasenos claramente, cun bo acompañamento gráfico, o proxecto do seu acondicionamento dos arquitectos Javier A. Franco Rabuñal e Vicente Pintos e o plan de iluminación dos enxeñeiros Quicler e López. Sen dúbida é motivo de ledicia a afortunada proxección ao futuro con que todo este espazo público, de tanta significación histórica e icónica, vai contar desde os parámetros urbanos e de calidade que o noso Concello vén levando a cabo con valentía, vangardismo e recoñecemento exitoso.
Aproveitando a ocasión, igual sería interesante deixar nesta área que se vai remodelar una marca do foro que o rei galego Fernando II outorgou a Pontevedra en 1169, ben coñecido pola confirmación que case un século despois realizou Afonso X. Este documento foi editado polo Concello non hai moito, en fermosa publicación. E se non puidese ser todo o texto (que non é de seu extenso), si algunas liñas apropiadas. Por exemplo: "…omnes habitatores de Ponte veteri… " (denominación que convive na época con Ponte vetere, nunca o horror dun inexistente *Pontus Veteris!!!). Nesta expresión proposta menciónanse a xente e o lugar, a "cidade"á que o foro atribúe una "personalidade autónoma como actor político específico e recoñece aos cidadáns como suxeitos de dereito", en palabras de Anselmo López Carreira, un dos mellores coñecedores do Reino de Galiza, cuxas obras recomendamos ler.
Postos a suxerirmos, e para complementar a visibilización do documento fundacional, tamén unha escultura do noso rei Fernando II e da nosa raíña Urraca axudaría a entender que a nosa historia existe e incitaría ao seu estudo, tan necesario.
Estas ideas, que de plasmárense en realidade conmemorarían no 2019 o 850 aniversario do foro, sintonizan, en conexión coa mesma filosofía do proxecto, con aquelas coñecidas palabras de Cicerón na obra De Oratore: que a historia (cito de memoria) é testemuña dos tempos, luz da verdade, mestra da vida. O mesmo foro, parafraseando ao clásico, sentencia que o que non se grava ou fixa por escrito, esquécese ("Facta que pagine non traduntur, facile a mentibus elabuntur", pon a xeito de dístico rimado).
A musa da historia, Clío, filla de Zeus e Mnemósine (a Memoria), formaba coas oito restantes a comitiva de Apolo, deus da música, da beleza, da luz. Como na mitoloxía grega, historia e luz, pasado e futuro, danse a man nesta ponte de porvir. Árdenos a esperanza de vela e vivila, coma o "desexo de hourizontes desatados que cinguen o fulvo ceo"de Luís Amado Carballo.
Xosé Abilleira Sanmartín