Ramiro Espiño
50 anos despois do "allo"
ÿ bonito recordar a historia, especialmente cando esa historia é gloriosa como a do Pontevedra. ÿ bonito recordar a historia, pero tamén neste caso é doloroso volver a vista atrás para logo botar a mirada á fronte e ver só unha densa néboa.
50 anos despois do histórico "gol do allo" que levou ao Pontevedra á Primeira División por primeira vez, Pasarón recordará o domingo próximo aquela xesta e renderá homenaxe aos seus autores. E Pasarón vivirá seguidamente outro partido non tan decisivo, polo menos non definitivo, pero pode que dos máis importantes dos últimos dous anos.
Boa ocasión para que os maiores volvan á bancada. Que recorden tantas tardes de fútbol, paixón, calor e cor granate. Boa ocasión para que ademais se fagan acompañar dos máis novos e xuntos recorden que o Pontevedra é de todos e a todos nos corresponde axudar a devolvelo ao lugar que por historia e afección merece.
Son tempos difíciles, si, pero non debían ser doados tampouco cando en 1960 o Pontevedra saltaba de Terceira a Segunda División e só tres anos despois a Primeira. Se entón se conseguiu, por que non podemos soñar con repetilo?. Hai moitas cousas que cambiar, pero estou convencido de que, e utilizo a frase de moda, SI, PODEMOS!.
Aos máis novos, aos reticentes, aos desenganchados e decepcionados, aos que nunca viviron unha tarde de gloria co Pontevedra dígolles que paga a pena. Recordar días e xestas como a de La Puentecilla, a dos dous ascensos a Primeira, a de Eibar, a "batalla do Ebro" en Miranda, a histórica tarde do Lorca, as emocións de Vitoria e Oviedo, por citar algo aínda fresco na memoria. Calquera delas, unha sóla, é motivo abondo para "reengancharse" ao granate.
"Eran otros tiempos era otra la historia, no había medallas, sólo hambre de gloria, sólo se jugaba por la camiseta... " rezaba a letra dun himno do arxentino Quilmes, adaptado e adoptado pola afección do Pontevedra naquel tamén histórico 2004, cando Pasarón se enchía e levaba en volandas o seu equipo a Segunda División. Logo, máis de 25.000 persoas abarrotaron a cidade nunha tarde e noite inesquecible, que se repetiría ao día seguinte na homenaxe popular ao equipo.
Foi a nosa última grande alegría, por agora. Entre todos hai que intentar que volvan eses tempos, que se recupere o espírito, a ilusión dos seguidores e as ganas dos xogadores por vestir a camiseta granate e, por se fai falta, 50 anos despois levemos non un allo, senón unha restra enteira. Non vaia ser!, que as escopetas as carga o demo, e xa saben vostedes que a xente do deporte, como a da arte ou os touros, son moi sensibles ás supersticións e exemplos hai a "jartar" de celebración seguida de chasco mayúsculo...¡lagarto, lagarto!.
08.04.2013