Antón Prieto
Café sen zucre
Un amargo sorbo de café para a esquerda e unha lección de eficacia electoral do PP, que con 136.000 votos menos gaña 3 escanos, repinta as paredes do Pazo do Hórreo.
Un PP fachendoso, sacando peito ante os preocupantes datos económicos e sociais, manexando á perfección os tempos e os fíos dos poderes fácticos, deu ao traste cunha oposición que se apresentaba como avergoñada da súa acción de goberno 4 anos antes, enfrascada en disputas internas e con escasa visibilidade. Se non fose por Beiras e as súas arroutadas, o impás desmobilizador deste sector de votantes sería aínda maior, e a caída da marca BNG bastante menor.
O sistema eleitoral, pouco atento á máxima "unha persoa, un voto" magnifica a victoria conservadora, que ademáis sae beneficiada polo reparto territorial con base nas provincias, onde os votos do eixo atlántico valen menos que os da Galiza interior. Porén, con circunscripción única, o PP gañaría, só por 15.000 votos de diferenza, pero gañaría ao conxunto de PSOE, BNG e Anova.
Un PP que soubo manexar moi ben o seu discurso nos 4 anos que leva no goberno. Implacable co "bipartito", unha palabra á que lograron inxectar un eficaz veneno, e que lles serviu de martelo pilón contra todo atisbo de crítica. Un presidente de apariencia sólida, coloquial, convincente para o seu público. Audaz exemplo deste ultraliberalismo moderno, acrítico e seguro de que o mundo que herdamos non precisa grandes cambios. Feijóo é un estupendo empregado da dereita: transmite a confianza que precisa un público amedrentado polas circunstancias, pouco analítico, conformista en termos de conquistas sociais e encantado co triste papel mendicante que exibe o poder galego en España e Europa. O país dos enanos dirixidos polo sorrinte soldadiño de chumbo.
Na casa socialista, desconcertados tras perder a metade dos eleitores. Rubalcaba non foi quen nesta volta de suplir as carencias do seu candidato, nun partido que en Galiza vive máis da súa marca española que da súa personalidade galega. Ademáis de non namorar coa súa imaxe e capacidade oral, Pachi Vázquez é víctima do seu propio discurso ante a crise: qué faría él coas eléctricas, cos bancos, coas multinacionais, coas privatizacións, coas grandes fortunas, cos paraísos fiscais? Algo demasiado distinto do que fai Feijóo?
A deriva do BNG é consecuencia das súas convulsións estomacais dos últimos anos. Quen falou o 21-O foi a voz que naceu na súa última asemblea fraticida. Cinco deputados e 125.000 votos menos son o resultado de pasar a proba do algodón por unha marca que chamou aos votantes cun curioso remix de hai 30 anos: "gobernemos nós na nosa terra". Se o equipo de Jorquera gañou a asemblea de Amio con pouca diferenza sobre os seus irmáns de batalla, era lóxico que o seu voto directo baixase. O discurso compunxido e tristón, e un candidato pouco coñecido e aínda algo inexperto na colleita de amores mediáticos non fóron quen de arrastrar máis votos que os do seu público tradicional.
O gran beneficiado do treito esquerdo do Parlamento foi Beiras e a súa coalición cos non nacionalistas, un matrimonio de comenencia para ambos, que sumou varias familias, cada unha co seu aquel: a sección ex-bloque, os da EU, bastantes rebotados co PSOE e o que podemos chamar voto indignado ou cabreado. O vello profesor, despois de facer tanta pupa na casa nacionalista que él mesmo contribuíra a fundar no 82, conserva intactas as súas armas de insubmiso alborotador, de persoeiro coa cabeza chea de ricos recursos dialécticos. Foron moitas as persoas que viron no seu indómito verbo un embaixador perfecto para a súa raiba.
En Pontevedra
Un panorama que en Pontevedra capital pinta distinto, xa que a esquerda gaña ao PP por goleada. Os case 21.000 votos de PSOE, BNG e Anova deixan moi atrás os 15.851 dos conservadores, que perderon máis de 5.000 votos na cidade de Rajoy, Pastor e Rueda. E na esquerda, un empate técnico de socialistas e nacionalistas: cos seus 7.700 votos, cada unha destas formacións superan en máis de 2.000 aos 5.440 de Anova. Aínda coa aparición de Beiras e con maior abstención que hai 4 anos, o BNG medra lixeiramente o seu apoio, pero o PSOE perde a metade dos apoios.
Se os resultados de Pontevedra fosen os de todo o país, outro cantar entonaríamos os galegos neste día no que, máis unha vez, renunciamos a dar un novo impulso á nosa vida colectiva.