Tribuna Viva
Os veciños están a organizarse fronte ao mundial de tríatlon
Moitos veciños están a organizarse para facer unha fronte común de cara ao Campionato mundial de Tríatlon que evite o secuestro dunha parte da cidade e contorna, como pasou o sábado pasado.
As declaracións da concelleira Carmen da Silva non son cribles porque mente máis do que soluciona. E se non que lle pregunte aos cidadáns, especialmente da zona de Lérez-Alba, a ver a cantas portas foron coa información
Non nos vale a proposta dos aparcadoiros de carga e descarga, porque son moi poucos e non chegarían para tantos veciños afectados, e ademais podes atopar que os aparcadoiros xa estean ocupados por outros usuarios non afectados.
A proposta dun bono non nos parece desatinada, xa que moitos aparcadoiros son concesións do concello. Pero o mellor é habilitar vías de servizo aos garaxes dos veciños.
Ímonos reunir para estudar solucións, pois non pode ser que sexamos sempre os mesmos que os teñamos que apandar en beneficio dos hostaleiros prexudicando a moitos veciños e outros sectores comerciais da cidade.
Pontevedra non vive do tríatlon. Pontevedra ten vida propia todo o ano e iso hai que telo en conta.
Lembrámoslle ao goberno municipal que todos pagamos impostos, non só os hostaleiros, polo que a repartición dos prexuízos deben de ser a parte iguais e non sempre sobre un barrio da cidade.
Non nos opoñemos a estes eventos e parécenos ben que os hostaleiros gañen diñeiro pero nunca a costa do sacrificio e prexuízo dun sector importante da cidadanía, neste caso do Barrio de Santa Clara e a súa contorna.
Proximamente reunirémonos, están convidados todos os afectados.
Desde aquí, pedímoslle ao goberno municipal, cordura e que gobernen para todos e con equidade, e busquen solucións cara ao Mundial de Tríatlon porque se poden atopar con sorpresas desagradables que todos queremos evitar.
Asinado. José Luis Vidal Laiño.
Secretario en funcións da Asociación de Veciños Río Lérez