Tribuna Viva
Perdon por existir
Din os do Grove, na parroquia tamén o pensamos, que para vir a Pontevedra hai que limpar os pés e dar as grazas para que nos deixen consumir no centro da cidade. Para tal fin é imprescindible ocultar as mans cheas de terra de plantar os tomates e tapar as feridas de recoller as nasas do fondo da ría, non vaia ser que os da capital batan coa realidade de ser unha vila mariñeira.
Por iso na parroquia arrasaron o mar, berce de pobres analfabetos que aínda cren nas economías democráticas e no desenvolvemento sostible, aínda que o fagan sen os termos empregados polos científicos. Tamén por iso, os da capital tiveron o detalle de trocarnos o cheiro a frescura por unha combinación que nos permite adestrar o olfacto desde a nosa máis tenra infancia.
Vindo desde a Pontevedra que remata en Mollavao, ou incluso antes, comezamos o particular 'cheiro tour' co fume dun monumento franquista, continuamos co cheiro a caca de media provincia e rematamos co aceite fritido que emana do glorioso Porto de Marín. Un porto que seica deixa beneficio na comarca, mais na parroquia deixa cousas bastantes máis desagradables.
En canto ao da caca, temos que recoñecer que hai diferencias bastante importantes, non cheira igual a dos que limpan o cú con toallitas perfumadas de bebé, que aqueles que o fan con papel hixiénico do barato, ese co que un podería rañar mobles. Dicir que cagar nos iguala a todos é como dicir que todos somos iguais ante a lei, un canto utópico no que soamente cren os que son un pouquiño máis iguais.
O que si é certo, é que Marín, Poio, Vilaboa, Ponte Caldelas e tamén Pontevedra comparten WC, que seica agora queda pequeno e queren ampliar, situado riba do banco marisqueiro que permitiu que a familia dun servidor puidese crear e alimentar a este que vos escribe con todo o orgullo que un pode sentir pola súa xente.
Somos, tamén, a parroquia mellor comunicada do municipio, incluso nos libramos dos lombos, para que os mil camións diarios de ENCE poidan pasar a gran velocidade, xa saben que as nosas vidas son de menor categoría. O problema é que soamente temos acceso ao autobús que transita a ruta Marín-Pontevedra.
A vía rápida que comunica Pontevedra con Ardán divide en dous a parroquia, mais non podemos usala. O mesmo sucede coa mal chamada autovía e tamén sucedería no caso de que se consolide a superidea de crear un paseo peonil pola beira da ría, onde os que poidan transitalo poderán ver o mar nun lado e a desfeita noutro. Tamén temos ferrocarril, por certo, mais esa falcatruada é unha historia que merece un capítulo propio nesta saga de tropelías.
A parroquia da que vos falo chámase Lourizán. Para algúns, un depósito de cacas, para outros un lugar onde situar o que ninguén quere. Para min? Pois un orgullo. Aínda que as veces teñamos que pedir perdón por existir e ir en contra do voso progreso.
Jaime Acuña Torres
Veciño de Lourizán e responsable de comunicación de Marea Pontevedra