Ramiro Espiño
Ilusión azul. Ese é o camiño
Poucos eran os que a comezos de tempada apostaban por eles. Poucos eran os que crían nas súas posibilidades máis alá doutra tempada anódina, sumidos na depresión e no constante goteo de perda de espectadores, de seguidores desencantados, que tempada a tempada foron abandonando as bancadas do Pavillón Municipal.
Das famosas e históricas "catro mil gargantas" que hai non moitos anos (e non obstante que lonxe queda) permitiron que sobre unha das paredes do recinto deportivo pontevedrés luza orgullosa unha placa dedicada á "mellor afección de España", ía quedando só un bonito pero difuso recordo. Agora eran apenas tres centenares de irredutibles os que cada sábado facían profesión de fé teucrista.
Estaban sólos. Afundidos na miseria económica que afogaba, tamén limitándoa, a parte deportiva. Pero non. O que parecía imposible, case unha quimera, empezou a suceder. Un grupo de valentes, porque hai que selo para botar man do club na situación en que se encontraba, unidos polo seu amor ao Teucro, rebelouse ante o que parecía un dramático e inevitable destino: a desaparición do vicedecano do balonmán español.
Teño que confesar que eu tampouco cría neles. Os seus comezos titubeantes, as súas dúbidas, os seus lamentos frecuentes, daban a sensación que a única solución que podian ofrecer era esperar que os demais lles sacasen as castañas do lume, pero sen achegar case nada da súa colleita. Equivocábame. Quizais era simplemente que necesitaban aterrar e tomar verdadeira conciencia da "frega" en que se acababan de meter.
Pouco a pouco fixeron que a dirección do vento empezase a cambiar. Con ideas, con propostas, unhas valentes, outras arriscadas, algunha case temeraria, porque de non saír podía ser anticipar un lamentable final que, por outra parte, parecía cantado. Pero sobre todo con traballo, con moito traballo. En equipo, como hai que facer as cousas cando se fan por cariño, fuxindo do protagonismo ou da calor dos focos. Con erros, lóxicos, porque todos os temos, pero cun obxectivo: facer que o Teucro tivese un futuro.
E estano a conseguir. Primeiro sacando adiante un proceso concursal complexo que polo menos permita respirar. Despois cunha planificación deportiva sensata, pero ambiciosa e ilusionante. Con xente de aquí, como sempre foi no Teucro, pero tamén con achegas foráneas que desen consistencia e seguridade aos mozos. O resultado non puido ser mellor. De aspirar á permanencia a loitar polo ascenso.
Pero aínda hai algo mellor e é a recuperación da masa de seguidores, do sentimento durmido de tantos pontevedreses. Hai anos, moitos anos, eran frecuentes os enfados do recordado Don Peregrino cando moitos se escapaban se a misa de 12 en Santa María se prolongaba. Baixaban a escalinata, cruzaban a rúa e acudían á lendaria pista de Arcebispo Malvar. Xogaba o Teucro e iso era máis que unha relixión. Era unha devoción e cita social obrigada de todo Pontevedra cada domingo, ás 12:30.
Moitos fóranse. As bancadas do Municipal estaban tristes. Familias enteiras, por motivos que non vén a conto recordar, afastáronse da súa paixón. Pero este ano, esta tempada, entre as moitas afortunadas iniciativas da directiva que preside Carlos García Alén, pouco a pouco afeccionados históricos empezaron a deixarse ver de novo.
O sábado pasado, o que a comezos de tempada eran uns 300, multiplicáronse por cinco. E os rapaces responderon. Como o fixeron toda a tempada. Queren seguir soñando. Queren seguir crecendo e con eles a ilusión. A ILUSIÿN AZUL. Porque, á fin e ao cabo, que é o deporte senón ilusión.
Queda un partido e logo unha fase de ascenso que ten que ser un premio. Gozala, rapaces, que o conquistastes. E parabén a toda a familia teucrista, empezando por unha directiva que conseguiu volver poñer o Teucro nos corazóns de todos os pontevedreses, unindo, non dividindo.
Ai!, se tomasen nota outros...
23.04.2013