Marta Rodríguez Engroba
Chegou novembro, espertan as conciencias!
Supoño que, quen máis quen menos, todos temos algunha época do ano que, por diversas razóns, nos resulta particularmente ingrata ou, directamente, insufrible.
Isto é o que me ocorre a min co mes de novembro. É superior ás miñas forzas. E o mes do ano no que me gustaría botarme a durmir o día que comeza, e non espertar ata que remata, e este ano non é unha excepción.
O paso francamente mal e, por máis que tento substraerme ao que tanto dano me fai, é inútil, porque, obviamente, non podo pecharme na casa e illarme de todo o que me fai dano, malia que teño que recoñecer que é o que me pide o corpo.
Cando ainda novembro asoma timidamente, ou mesmo xa desde días antes, comezan, como cada ano, a anunciarse a bombo e platillo toda unha profusión de actos, homenaxes, e demáis exhibicións, e emprego este termo moi conscientemente, porque é o que fan moitos e moitas, exhibirse, con motivo do día contra a violencia de xénero.
Como se un espertador ou unha alarma soasen para avisar de que xa é hora de deixar atrás o letargo, a perguiza, de súpeto, todos aqueles que son ou pretenden ser "alguén", comezan a afanarse tentando lembrar en que caixón gardaron o ano pasado a concienciación, porque claro, xa se sabe o qué pasa coas cousas que se usan pouco ou prácticamente nada, que cando queres recuperalas, malia que solo sexa para lucilas un rato e que se vexa que se teñen, a maioría das veces, a forza de prescindir delas, custa atopalas.
Moitos daqueles aos que durante todo o ano a violencia de xénero, as mulleres asasinadas, as súas crianzas, lles traen absolutamente sen coidado, pero saben que, nun tráxico paradoxo, habilmente utilizada, é unha ferramenta máis que útil para deixarse ver e poder obter beneficios de diversa índole, son, de súpeto, acometidos por unha especie de "febre de concienciación" que lles fai iniciar unha frenética actividade que lles permitirá deixarse ver na compaña de autoridades e demais "xente de ben", adoptando, eso si, moi importante!, unha coidada cara de circunstancias en canto acto, concentración ou homenaxe dos que se celebrarán ao longo deste mes e que acadarán o seu cénit o vindeiro día 25, no que as cámaras, os micrófonos e os xornais, deixarán cumplida testemuña da súa presenza e do conmovidos que se atopan.
Mesmo os máis afortunados, ben porque saben venderse mellor, ou ben porque teñen a fortuna de moverse nos círculos máis "selectos", terán con toda probabilidade a oportunidade de pronunciar unhas palabras nas que expresarán a súa repulsa e a súa dor ante a violencia machista, pero sen aclarar, claro está, canto lles van durar. Tampouco fai falta, sabémolo. Se ve que, nalgunha ocasión, escoitaron aquelo de que "o bo, se breve, dúas veces bo", e desde ese mismo momento tiveron claro que a súa implicación, a súa concienciación coas vítimas da violencia de xénero é non boa, se non excelente, das que son para nota, e, porén, breve, moi breve.
Por outra banda están algúns colectivos (ollo, estou a dicir "algúns"!), concretamente eses que din dedicarse a axudar a vítimas de violencia de xénero, algúns mesmo co seu localciño e a súa plaquiña moi ben ubicados, e os seus petos quentiños por esas subvencións que van chegando puntualmente, o mesmo que o seu ego, que é fomentado por quen ten peso e se encarga de ensalzalos e potencialos cando procede, e malia que non proceda, porque o truco está niso, en saber apoiarse cando é preciso, de tal xeito que todos gañen, sobre todo en prestixio e votos.
Estes colectivos, curiosamente, durante todo o ano....e aquí teño un problema, porque non sei como expresar "finamente" o que quero dicir, así que, opto, como adoito facer, pola claridade, durante todo o ano, como dicía, non dan un pao a auga e lles trae absolutamente sen coidado todo canto ten que ver coa violencia machista e con quen a sufre, malia que cobran relixiosamente por finxir o contrario. Tanto é así, que o mesmo dá que se sospeite ou se confirme que esas prebendas que reciben ás veces, sen saber como, seguro que sen querer, que non hai que ser malpensados, se desvían no camiño e van parar a calquera menos a quen teoricamente van destinadas, as vítimas da violencia de xénero.
Agora ben, en canto novembro fai acto de presenza, a golpe de talonario, organizan eventos para os que se poden permitir pagar a participación de alguén coñecido, cando non "famosillo", que lles garanten o cheo do aforo, e, do mesmo xeito, lles permite seguir mantendo a súa privilexiada situación, porque a eses eventos, sempre política e institucionalmente apoiados, acude todo aquel que é alguén, e todo isto será, loxicamente, recollido polos medios de comunicación, que deixarán constancia da súa desinteresada entrega.
Tamén neste mes xorden outros colectivos ben diferentes. Os que din ser feministas (e coidado, que ninguén me entenda mal, digo "os que din ser", porque, afortunadamente, existen os que o son de verdade), e que tamén fican o resto do ano nun "dolce far niente", pero que en novembro semellan ser poseidos por un ataque de espíritu din que reivindicativo, e a golpe de pancarta e de arengas, tentan non soamente amosar a súa implicación, se non dar leccións de como loitar contra a violencia machista e nos advirten de que todos os homes son maltratadores en potencia. A boa nova é que, a partir do día 25 van volvendo as súas madrigueiras e non sairán de novo delas ata o 8 de marzo, que nos farán outra demostración do concienciadas que están.
E, para rematar, estamos as terceiras en discordia. As que optamos por facer de Novembro un mes máis no que traballar, no que loitar por tentar acompañar e apoiar a esas mulleres que están a vivir un inferno, as súas crianzas. Un mes máis no que reclamar que as leis, a xustiza, as protexa como teñen todo o dereito. Un mes máis no que deixar ben claro e berrar ben alto que desprezamos profundamente que tanta dor sexa un negocio para moitos.
Somos as que molestamos, as que resultamos incómodas, as que deixamos en evidencia demasiadas cousas que unha gran maioría preferiría que ficaran agochadas. As que nunca teremos un sitio ao carón desa xente influente, porque cometemos o gran delito de defender e loitar por aquelo no que cremos.
Somos tamén as que erramos, pero que tentamos, con cada erro, aprender e mellorar. As que non temos datas, nin placas, nin locais, pero que temos un tesouro que moitos non conseguirán xamáis, o calor que deixa nos nosos corazóns saber que contribuimos a devolver algún sorriso, a que alguén, coa nosa axuda, poida comezar unha vida sen medo, e eso... eso non hai quen o pague.
Claro que tampouco creo que o voten de menos. Non se pode añorar o que non se coñece, e se non existen sentementos, e imposible acusar a súa falta e cando algo tan tremendo como a violencia machista é utilizado dun xeito tan impúdico, está claro que os sentementos non se coñecen nin de lonxe.
Gustaríame, para rematar, aclarar algo para que non quede ningunha dúbida.
Que ninguén interprete o que acabo de dicir como unha queixa por non pertencer a tan selectos grupos e non recibir idénticos beneficios. Nada máis lonxe da realidade.
O único que lles pregaríamos é que deixaran de utilizar tanto desgarro, tantas vidas truncadas, para encher petos e alimentar egos.
Hai outros moitos xeitos de facelo sen utilizar a quen está rota por dentro ou as que xa non están.
Asociación Si, hai saída