Marta Rodríguez Engroba
Activismo? A canto o pagan?
Cando hai xa algo mais de catro anos decidín comezar a tentar axudar a mulleres que, como eu hai tempo, coñecen ou, mellor dito, viven na sua pel o horror, a humillación da violencia de xénero, tiña claro que nin eu, nin o meu traballo lle ía gustar a todo o mundo. É lóxico. Ninguén pode pretender ser do agrado de todos.
Tamén sabía que posiblemente escoitaría moito mais do que era quen de imaxinar, e non sempre agradable, algo que tiña que asumir e así o fixen.
Ademais, afortunadamente, o tempo é o mestre mais sabio que existe, e encárgouse de ir ensinándome a cribar o que me chegaba aos oídos e tamén que hai xente, ou, mellor dito, personaxes, que non merecen que se teña en conta nin unha soa das suas case sempre desafortunadas sentenzas, principalmente eses aos que todo se lles vai pola boca. Falan e falan, autoeríxense en autoridades en case todo, presumen de entrega e de altruismo, pero facer, o que se dí facer.....eso xa é fariña doutro costal, porque, cando te paras a pensar un chisco, por moito que busques, tentando atopar algo real, algo no que traballaran, malia que fora un só día, é inútil, por unha razón moi sinxela,porque non existe.
Pensei, eso si,é mais, estaba convencida, de que xa poucas desas lerias podían afectarme e menos ainda sorprenderme, pero non!, sempre hai alguien que cando, e perdoádeme a expresión, saca a lingua a pacer, non sei como fan, pero consiguen superar todo o escoitado.
E iso xustamente foi o que me ocorriu hai unhos días.
Por circunstancias que non veñen ao caso, vinme inmersa nunha conversa, ou mais ben nun monólogo, porque, por raro que poda soar tratándose de min, que non me distingo precisamente por adoitar ficar calada, eu case non puiden abrir a boca, con unha desas persoas que din derrochar altruismo por todos os poros da súa pel, e que, ademais, presumen de dedicarlle todo o seu tempo ao que chaman activismo, pero que, a día de hoxe, teño moi claro que o seu, o que é realmente é unha cara mais dura que o cemento, vintecatro horas ao día, trescentos sesenta e cinco días ao ano.
Claro, eu son un pouco parva, e ante tales manifestacións, non podo evitar preguntarme de qué demo vive, porque mal non se lle ve. De feito, é bastante evidente que leva unha vida algo mais que desafogada, polo que algo non cadra, non si? Se supostamente é activista mañá, tarde e noite, e non percibe remuneración algunha, que alguien me explique como fai, porque, nese caso, confirmado: eu son rematadamente parva, xa que, ainda traballando, cústame moito non afogar cada mes.
Claro, coitadiña de min, non se me ocorría pensar que quen presume de ir contra o sistema, non ten, pola contra, ningún problema en vivir del, pero, ollo!, o fai por pura entrega, seica, para dedicarlle ese valiosísimo tempo a esa loable labor que, por mais que me espremo o cerebro, non acabo de saber cal é en definitiva, se é que é algunha, que xa o dubido, porque outra cousa non, pero se hai algunha habilidade da que pode presumir é de mudar de causa o mesmo que os demais mudamos de camisa, ou de apoiar ao mesmo tempo varias, porque é o que ten dispoñer de moito tempo libre e cos petos cheos grazas a ese sistema do que tanto renegan, claro, que se che remove todo por dentro e dis...veña, a apoiar todo canto se me poña por diante!, que sempre queda mellor e proporciona un "caché" mais elevado que pasar o tempo vendo na tele o reality de turno, malia que despois o faga as agochadas, que tampouco pasa nada. O truco está en non admitilo e falar pestes de quen o fai.
Deixeina falar e falar, e poñerse unha medalla tras outra, porque entre as numerosísimas virtudes que posúe (ou está, cando menos, convencida deso) non está a humildade, é evidente, e aguantei estoicamente o tirón, ata que xa, nun momento dado, tanto me fartou, que non puiden evitar dicirlle que o sentía, pero que tiña claro que moitas veces quen mais se deixa ver, quen mais sae nas fotos, non é precisamente quen mais fai, algo ademais do que estou firmemente convencida, e que, xa que a vía tan acendida e co espíritu solidario e reivindicativo a flor de pel, lle agradecería que me explicase que é o que fan ela e algunhas das súas colegas e compañeiras de "fatigas", xustamente ademais neste momento, porque, dun tempo a esta parte observaba que non lles caía da boca o tema da violencia de xénero, principalmente cando había algún fotógrafo pola zona, pero que, e lle pregaba que desculpase a miña ignorancia, non acababa de enterarme do que estaban a facer nesta materia nin en que consistía a súa loita, agás, insisto, en deixarse ver canto mais mellor.
Miroume con ollos de querer fulminarme, e, de feito, penso que volvín un chisco mais delgada a casa ese día, porque algo de grasa me fundíu coas súas olladas, fixo, e contestoume moi digna que visibilizaban e axudaban.
Moi ben, respondín, pero, insisto, ademais de visibilizar, en ocasións moi concretas, por certo, e dicir, datas sinaladas e cando hai, por desgraza, un asasinato machista en Galicia, qué clase de axuda lle prestades as vítimas?. E que, insisto, tes que perdoarme, pero confeso que non teño nin idea.
E volta a burra ao trigo: Visibilizamos.
Xa o sei, escoiteite a primeira vez, pero esa axuda, que axuda é?. Seguramente poida aprender algo dela se me contas como a levades a cabo, porque dou por sentado que tedes claro que, ademais desa visibilización da que tanto falas e que me parece fantástica, as vítimas de violencia de xénero precisan solucións reais e prácticas. As arengas están moi ben, pero, por si soas, obviamente de pouco ou nada lles serven. As vosas consignas non as protexen dos seus verdugos, tampouco lles proporcionan os recursos imprescindibles sen os cales nunca poderán rachar co seu agresor.
Aclareille, a continuación, que eu teño moi claro o que facemos en Si, hai saída. Mellor ou peor, con moitos erros, seguramente, pero temos unha actividade tanxible, real e que prestamos a mulleres tamén reais, con nomes e apelidos, e con accións moi concretas, que moita xente coñece a estas alturas, e da que poden dar fe esas mulleres que se achegan a nós.
Tamén é verdade que non de todas hai evidencias, porque é obvio que non imos pola vida facendo ruido, nin deixando testemuña gráfica de cada vez que movemos un dedo. De feito moi poucas quedan reflectidas.
Nova ollada desas que dan case medo, para chantarme nun ton que, desde logo, non deixaba moito lugar a un posible diálogo: "Ti, e a túa asociación, sodes desas que, lonxe de engadir a loita contra a violencia machista, restádelles!".
Francamente, non souben si rir ou mandala directamente a ese sitio que por educación non vou mencionar, pero o que si fixen foi dicirlle as que seguramente serán a derradeiras verbas que cruce con ela, e non porque eu llas negue, non son desas, se non porque estou segura de que non terá interés en falar nunca mais conmigo:
"Eu non sei se a miña asociación mais eu estamos a facelo ben. Tentámos, eso si, facelo o mellor posible, pero o que teño claro é que, personaxes coma tí e cantas te secundan sodes un auténtico cancro para a loita contra a violencia machista ou contra calquera outra causa.
Polo único que mirades é polo voso interese, por procurarvos notoriedade, e chamarlle activismo ao voso é un auténtico insulto a algo que moita xente exerce de corazón, con moito sacrificio, e que, afortunadamente, non ten absolutamente nada que ver con vós".
Fin da conversa.
Conclusión?
Malia que isto que acabo de contar poida soar a sinxela anécdota, ou mesmo a parvada, xente, colectivos, que actúen do mesmo xeito que a miña interlocutora, non son, por desgraza "rara avis" nin moito menos. Ogallá!.
Non soamente existen, senon que proliferan de día en día. Son moitos e moitas os que atopan na dor, na desgraza allea, neste caso as vítimas de violencia de xénero, un suculento negocio que lles permite non soamente vivir del, senón facer do postureo, de facer que se fai, unha verdadeira arte da que viven sen pudor.
O peor de todo é a aceptación social que estas aves de rapiña, porque eso é o que son, teñen, xa que o verdadeiro activismo, o que se fai por sentemento, e sinónimo de traballo, de moito traballo, non sempre recoñecido e case nunca, por non dicir nunca, remunerado, e eso non interesa.
O que interesa é atopar o camiño mais adoitado, se é curto mellor, para ir achegándose ao sol que mellor quenta, e aprender a facer, do conto, unha arte, que, pouco a pouco, vair ir redundando en escalar postos na sociedade, e na sustancial mellora, porén, da economía de quen manexa esa arte con maestría.
É ainda teñen o descaro de chamarlle activismo, porque claro, para eles, o activismo se é calado, se ninguén ten constancia del, non o conciben.
Porque está claro, axudando desinteresadamente, ninguén, que se saiba, se fixo rico, e eso, a quen lle interesa?
Asociación Si, hai saída